O conselleiro do Medio Rural visitou esta mañá o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), que realiza estes labores
A Xunta destina 1,8M€ ata 2020 a fomentar a mellora xenética do gando frisón por medio do control leiteiro

José González puxo ao Ligal como exemplo da colaboración entre os axentes da cadea de valor do leite para mellorar o sector, xa que este centro está xestionado de xeito paritario polas industrias e os produtores

Destacou que este laboratorio é o propietario e responsable da xestión da marca de garantía “Galega 100%”, que identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados na nosa comunidade
 

Abegondo (A Coruña), 8 de febreiro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe un recoñecemento expreso ao labor que desenvolve o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) para o control da calidade do produto das explotacións da nosa comunidade. Fíxoo durante unha visita que realizou ás instalacións deste laboratorio, situado na localidade coruñesa de Abegondo.

O titular de Medio Rural destacou o carácter do Ligal como asociación sen ánimo de lucro na que están representadas de xeito paritario as industrias e os produtores e sinalou que este é o modelo polo que apostamos na Xunta, de unión de esforzos entre todos os axentes da cadea de valor para mellorar o sector. Engadiu que, precisamente, nesa mesma liña vai encamiñada a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que vai impulsar a Xunta, para, entre outras cousas, mellorar a transparencia e o funcionamento desa cadea.

Ademais, José González puxo en valor a colaboración entre a consellería e o Ligal en materia de control leiteiro. Unha cooperación que se materializa nunha achega de 1,8 millóns de euros por parte do Goberno galego para financiar no período 2017-2020 a realización das análises de mostras procedentes do control leiteiro por parte deste laboratorio interprofesional. Destacou que, grazas a estas achegas, será posible procesar case un millón e medio de mostras anuais, o que redundará en beneficio do sector lácteo galego.

Trátase, segundo explicou o conselleiro, de impulsar o programa de mellora xenética de frisón na nosa comunidade, para poñer a disposición dos gandeiros galegos material xenético de alta calidade producido en Galicia, co fin de obter animais máis selectos e eficientes na produción de leite e, deste xeito, mellorar a súa competitividade.

Marca de garantía

José González salientou ademais que o Ligal é titular e xestiona a marca de garantía “Galega 100%”, impulsada pola Consellería do Medio Rural e que identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados na nosa comunidade.

Este laboratorio ten entre os seus obxectivos levar a cabo o control da composición química e bacteriolóxica do leite, co fin de garantir unhas condicións hixiénico sanitarias óptimas para o seu consumo. Así mesmo, realiza calquera outra actuación para o control da calidade do leite, a súa produción, tratamento, transformación e comercialización no ámbito galego, encamiñadas a optimizar a súa produción e comercialización no máximo nivel sanitario.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2019