Carmen Pomar visitou o centro e o CPI Plurilingüe Alfonso VII, onde se realizou unha obra de eficiencia enerxética
Educación investirá máis dun millón de euros na ampliación do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis

A actuación permitirá darlle resposta ao incremento de matrícula neste instituto

Caldas de Reis (Pontevedra), 8 de febreiro de 2019

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou este venres que o seu departamento ten previsto licitar o proxecto de ampliación do IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis) en canto o Concello poña a disposición os terreos para levar a cabo a ampliación, unha actuación na que se vai investir máis dun millón de euros.

Nunha visita a este centro a conselleira explicou que esta mellora vai permitir ampliar as instalacións para atender ao incremento de alumnado en ESO e sobre todo en Bacharelato. Ademais estudarase a posibilidade de implantar a FP Básica en función da demanda existente no concello. A obra consistirá na ampliación para aulas polivalentes de ESO e BAC, e na ampliación de aula de música, de debuxo e do salón de actos.

Con esta ampliación o investimento da Consellería en melloras das infraestruturas educativas de Caldas de Reis desde 2009 elevarase a case dous millóns de euros. De feito a conselleira visitou tamén esta mañá o CPI Plurilingüe Alfonso VII, na mesma localidade, onde o seu departamento realizou en 2018 unha obra para mellorar a eficiencia enerxética por un importe de adxudicación de case 550.000€.

A actuación -que estivo cofinanciada con fondos FEDER- consistiu na renovación das actuais ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, así como en mudar as luminarias existentes por equipos de alta eficiencia enerxética e illar a fachada mediante inxección en cámara. Así mesmo, renováronse as persianas e as súas caixas. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual do 29%.

Na súa visita Carmen Pomar interesouse polos diferentes programas que desenvolven estes centros. Neste sentido cómpre destacar que todos os centros educativos de Caldas son plurilingües, que o CPI conta ademais con sección bilingüe e o IES participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). Ademais, o Alfonso VII participa no proxecto de libro dixital E-Dixgal. Ademais, tanto o CPI como o IES desenvolverán este ano contratos-programas, no caso do instituto ata en 5 liñas de actuación diferentes.

A conselleira estivo acompañada polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

Visita a Cuntis

A conselleira visitou tamén esta mañá o CPI Aurelio Rey García, na localidade pontevedresa de Cuntis, acompañada polo alcalde, Manuel Campos, onde comprobou o resultado das obras de reparación dos danos ocasionados recentemente por unha avaría na subministración de auga.

Carmen Pomar aproveitou para felicitar a comunidade educativa polo seu traballo para facer deste un centro especialmente activo. Non en balde, este curso desenvolverá 6 iniciativas diferentes no marco dos contratos-programa, participa en varias accións do Plan Proxecta e conta con seccións bilingües. Ademais, desde o curso 2017/18 o CPI forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así como do programa de Introdución da Robótica en Primaria. O centro forma parte, así mesmo, do programa Piteas, de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2019