Facenda resalta o alto nivel de cumprimento dos obxectivos do Plan estratéxico de Galicia no período 2015-2017

O director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, informou no Parlamento das actuacións de seguimento do Plan

Subliñou que os resultados son positivos e permitirán cumprir os grandes retos do Plan para a Galicia do 2020

Sinalou que o PEG é unha ferramenta de planificación útil para Galicia e para os cidadáns
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019

A avaliación dos tres primeiros anos do Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2015-2020 mostra o alto nivel de cumprimento dos obxectivos marcados inicialmente e evidencia que Galicia está en condicións de cumprir os grandes retos do Plan establecidos para 2020.

Así o expuxo o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos durante a súa intervención na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, para informar sobre as actuacións de seguimento do Plan, unha folla de ruta transversal que está a permitir consolidar a recuperación económica e un modelo de crecemento san, inclusivo e sostible.

Miguel Corgos destacou que os resultados neste período son positivos. Neste sentido, informou de que durante o período de vixencia do Plan, o número de empresas que se beneficiaron de axudas para o fomento da I+D+i, a competitividade empresarial e o apoio á inserción laboral ascende a preto de 14.000; e o importe medio concedido por empresa supera os 14.400 euros.

Ademais, subliñou que máis de 19.500 persoas se beneficiaron de accións de fomento da empregabilidade, o 51,4% delas, mulleres. Por outra parte, o número de persoas que participaron en programas de prevención da dependencia foi de 48.215, un 63,8% mulleres.

Durante a súa intervención, o director xeral tamén destacou que no 2017, o maior número de axudas concedidas foron as de fomento das enerxías renovables, seguidas das axudas concedidas en eficiencia enerxética, as de acceso á vivenda e das destinadas á rehabilitación de vivenda.

Finalmente, lembrou que Galicia foi pioneira en elaborar un Plan Estratéxico como ferramenta de planificación e un exemplo para outros territorios. Así, o PEG 2015-2020 está sendo unha ferramenta de planificación útil para a Comunidade Autónoma e para os cidadáns e “queremos seguir con esta folla de ruta para consolidar no 2020 un crecemento máis equilibrado, inclusivo e sostible”, apuntou.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 08/02/2019