Continúan as reunións de Sanidade coas asociacións de pacientes para recabar as súas propostas co obxecto de desenvolver un novo modelo de atención primaria

No día de onte, a reunión da Administración sanitaria galega foi coas asociacións de diabéticos Anedia e Fegadi, quenes destacaron a importancia do traballo que realizan os profesionais de enfermería educadores en diabetes, así como a promoción dos estilos de vida saudables

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019
  • whatsapp

Representantes do equipo directivo da Consellería de Sanidade e do Sergas están a reunirse ao longo destes días con diversas asociacións de pacientes para recabar as súas propostas co obxecto de que contribúan ao proceso que está a levar a cabo o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña co propósito de abordar medidas a curto, medio e longo prazo, para desenvolver o novo modelo de atención primaria. En concreto, no día de onte, a Administración sanitaria reuniuse cos colectivos de pacientes diabéticos Anedia (Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes) e Fegadi (Federación galega de asociacións de diabéticos), que destacaron a importancia do labor da enfermería, en concreto dos profesionais de enfermería educadores en diabetes así como a consideración fundamental da promoción dos estilos de vida saudables e da atención domiciliaria.

Como consecuencia do coñecemento dos servizos sanitarios que teñen as asociacións de doentes, así como polo feito de formar parte do Consello Asesor de Pacientes, a Consellería de Sanidade considera moi necesarias as achegas destes colectivos.

A accesibilidade da atención no primeiro nivel asistencial, que sexa o máis rápida posible; ou a importancia do seguimento dos pacientes e a coordinación coa atención hospitalaria para evitar a reagudización das patoloxías, son algúns dos temas que está a tratar Sanidade cos colectivos de doentes. Tamén están a falar da potenciación do labor conxunto entre profesionais sanitarios e colectivos de pacientes.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 08/02/2019