Galicia acadou desde 2015 un aforro anual de 115 millóns en xuros e agora vaise beneficiar das boas condicións dos mercados

O director xeral de Política Financeira e Tesouro, David Cabañó, explicou que Galicia cumpre os requisitos para poder combinar o financiamento nos mercados coa permanencia no Fondo de Facilidade

O retorno será gradual e a previsión é que neste 2019 a metade do financiamento procederá dos mercados

A Xunta aproveitarase da abundante liquidez e dos tipos historicamente baixos

Galicia é a 4ª comunidade con menor endebedamento de toda España
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019

Galicia acadou desde 2015 un aforro anual de 115 millóns de euros en xuros da débeda, grazas ao control da débeda e a política rigorosa efectuada pola Xunta, e agora vai ser unha das comunidades autonómicas que se beneficien das boas condicións que ofrecen os mercados financeiros, segundo explicou hoxe o director xeral de Política Financeira e Tesouro, David Cabañó.

Nunha resposta parlamentaria, Cabañó confirmou que Galicia cumpre os requisitos para poder combinar o financiamento nos mercados coa permanencia no Fondo de Facilidade Financeira, o mecanismo habilitado pola Administración do Estado para as comunidades cumpridoras. Galicia cumpre os obxectivos de estabilidade, o límite de débeda e regra de gasto; cumpre o límite de pago a provedores, sendo a comunidade líder en España; e conta coa cualificación crediticia de grao de investimento, e ao cumprir todos estes requisitos poderá simultanear as dúas fontes de financiamento (mercados e fondo de facilidade).

O director xeral detallou que o retorno de Galicia aos mercados será gradual, e a previsión é que neste 2019 a metade do financiamento procederá dos mercados e a outra metade realizarase a través do Fondo de Facilidade, mentres que nos seguintes anos incrementarase de xeito paulatino a presenza nos mercados. Deste xeito, a Xunta de Galicia será unha das comunidades que se poderá aproveitar da abundante liquidez, dos tipos historicamente baixos e da elevada demanda dos investidores.

Ademais, David Cabañó sinalou que Galicia seguirá apostando pola diversificación dos instrumentos financeiros e por un alongamento da vida media da carteira de débeda, aproveitando as actuais condicións de financiamento que ofrece o mercado. Tamén confirmou que Galicia solicitou hai unhas semanas a autorización á Administración do Estado para realizar unha emisión de bonos por un importe de 400 millóns de euros.

Líder en control da débeda

Galicia é a comunidade de referencia no control da débeda pública, tal como mostran cada trimestre os datos oficiais do Banco de España. De feito, é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2009 e grazas a iso agora é a 4ª comunidade con menor endebedamento de toda España, cando en 2008 tiña máis débeda que a media.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 08/02/2019