O Goberno galego prevé iniciar o vindeiro mes de marzo a execución da infraestrutura, que suporá un investimento de máis de 5 millóns de euros
A Xunta adxudica as obras da pasarela peonil que completa a primeira fase da estación intermodal de Santiago

A pasarela conectará a estación de ferrocarril coa nova terminal de autobuses xa en execución, e contribuirá a facer cidade ao unir os barrios do Ensanche e Pontepedriña, separados ata agora polas vías do tren

A execución compatibilizarase coas obras que xa se están a desenvolver da nova terminal de autobuses ao carón da estación ferroviaria

No seu conxunto a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia

As obras da pasarela, contratadas e executadas pola Xunta, están cofinanciadas tamén polo Adif e o Concello

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2019

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de construción da pasarela peonil que completa a primeira fase da estación intermodal de Santiago. A empresa Acciona Construcción S.A. será a encargada de executar os traballos, adxudicados por un importe total de 5.07 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé iniciar no vindeiro mes de marzo a execución dos traballos desta infraestrutura, que cofinancian a Xunta de Galicia, Adif e o Concello de Santiago, en virtude do convenio de colaboración asinado polas tres administracións.

Estas obras acompasaranse coas da nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que se atopan en pleno desenvolvemento.

Ambas intervencións, a nova estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre terminais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Co cofinanciamento das obras da pasarela a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver todo o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia, e estender os seus beneficios moito máis alá da cidade, xa que os cidadáns que cheguen a Compostela en autobús terán un acceso moito máis áxil e cómodo ao ferrocarril.

Nas obras da pasarela distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, nos que a construción estará condicionada polo funcionamento da estación de ferrocarril, e a zona da estación de autobuses.

A execución da pasarela peonil urbana que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses servirá para a mellora a conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago separadas pola infraestrutura ferroviaria, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

No tocante á súa estrutura, a pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e estrutura metálica porticada, dependendo dos usos e da zona sobre a que se sitúe. Terá un ancho que varía entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros, ademais a pasarela executarase cuberta con lucernarios e fachadas cun deseño translucido.

Data de actualización: 09/02/2019