A Xunta convoca os premios á cooperación cos que recoñece o labor e o esforzo das cooperativas galegas

O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto rematando o 30 de abril

Haberá tres modalidades dotada cada unha delas con 5000 euros: á mellor cooperativa nova, á traxectoria cooperativa e o premio aos valores cooperativos
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2019

A Xunta vén de convocar os premios á cooperación 2019 que teñen como obxectivo recoñecer o labor e esforzo das cooperativas galegas, así como fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores. As modalidades deste ano son tres. Deste xeito, premiarase á mellor cooperativa nova, á traxectoria cooperativa e outorgarase o premio aos valores cooperativos, que se concede á cooperativa que máis teña destacado no impulso dos principios cooperativos. Cada un destes galardóns está dotado con 5000 euros. O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto e rematará o próximo 30 de abril.

Máis polo miúdo, o Premio á mellor cooperativa nova, concédese a aquela que teña unha antigüidade igual ou menor a 42 meses (tres anos e medio), e que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

O Premio á traxectoria cooperativa vai dirixido a aquela que teña unha antigüidade maior de 42 meses, e que teña destacado pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

Pola súa banda, o Premio aos valores cooperativos outorgase á cooperativa galega que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos. Estes últimos están establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e son: adhesión voluntaria e aberta; xestión democrática por parte dos socios; participación económica dos socios; autonomía e independencia; educación, formación e información; cooperación entre as cooperativas; e interese pola comunidade. Pola súa banda, os valores cooperativos son: axuda mutua, responsabilidade, democracia, igualdade, equidade, solidariedade e transparencia.

A estes galardóns súmase o certame de cooperativismo no ensino que tamén vén de publicarse no DOG e ten por obxectivo difundir e promover o cooperativismo e os seus valores entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Este certame conta con tres modalidades: actividades artísticas, dirixida aos alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria, que está dotado con catro premios de 2500 euros e catro accésits de 1500 euros cada un; actividades cooperativizadas para o alumnado de ESO, que conta cun único galardón de 2500 euros e un accésit de 1500 euros; e a modalidade de proxectos empresariais cooperativos destinado aos estudantes de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Neste caso concédese un premio de 4500 euros e un accésit de 3500 euros. En cada traballo, en todas as modalidades do concurso, deberán participar, como mínimo, tres alumnos o alumnas. O prazo para presentar os proxectos tamén está aberto e rematará o próximo 30 de abril.

Estes premios forman parte da Estratexia galega de economía social 2021 que se vén de activar e que ten como obxectivo incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e potenciar a presenza feminina nestas entidades.

Data de actualización: 10/02/2019