O Plan de transporte metropolitano de Ferrol permitiu bonificar case 2,5 millóns de viaxes en 2018, preto dun 4 % máis que o ano anterior

No 2018 os 7.000 menores de 19 anos usuarios da tarxeta Xente Nova realizaron máis de 359.000 viaxes gratuítas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue a impulsar este programa social para fomentar o uso do transporte público colectivo ao tempo que se axuda á economía das familias
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2019

O Plan de transporte metropolitano permitiu bonificar en 2018 case 2,5 millóns de viaxes na área de Ferrol, o supón un incremento de preto dun 4 % máis que o ano anterior.

O transporte metropolitano nesta área segue así a sumar usuarios, incrementándose en 7,6% o número de tarxetas TMG activadas ao longo do 2018, que se corresponde cos 4.155 novos dispositivos. A área da Ferrol, segue así a crecer en usuarios cun total de 58.589 tarxetas en vigor ao final do 2018.

No balance da evolución do transporte metropolitano cabe salientar as máis de 359.235 viaxes gratuitas realizadas polos menores de 19 anos usuarios das case 7.000 tarxetas Xente Nova, das que case 1.050 foron expedidas no 2018.

A cifra de mozos usuarios deste dispositivo incrementouse así no último ano en case o 16%. E os mozos que máis viaxes gratuítos realizaron coa tarxeta Xente Nova proceden dos municipios de Narón con 115.537, Ferrol con 109.129 e Fene con 55.889. En número de viaxes bonificados lle seguen os mozos de Ares e Neda con 30.562 e 15.916 respectivamente.

Cómpre lembrar que os bos datos de usuarios e viaxes do programa Xente Nova, activado pola Xunta no verán do 2016, supón o afianzamento da implantación desta nova tarifa que vai dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, incluídos, -tendo en conta que os menores de 4 anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos-, que será de cero euros nas viaxes de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.

O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

O Plan de Transporte Metropolitano é un programa social impulsado desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.

Coa posta en marcha do Plan a comunidade galega dotouse dun sistema de transporte no que os galegos ademais de obter importantes bonificacións no prezo do billete, tamén poden dispor das vantaxes que lles ofrece un sistema de transporte público eficiente que permite a liberación de espazo físico no centro das cidades; reduce a contaminación; e contribúe á desconxestionar e a unha maior fluidez nos tráficos.

Este plan, que mediante o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante. A administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.

Especialmente atractiva para os cidadáns é a medida posta en marcha pola Xunta en agosto de 2016, a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos.

Data de actualización: 10/02/2019