A Axencia Galega de Innovación (Gain) estará presente no Foro Transfiere en Málaga os días 13 e 14 de febreiro
A Xunta presenta o polo aeroespacial de Galicia no principal foro de transferencia e tecnoloxía de España

O Goberno galego contará cun mostrador propio, organizará unha mesa redonda e varias presentacións para explicar a iniciativa arredor dos vehículos non tripulados para uso civil en Galicia, e participará en mesas de networking e de debate centradas noutros sectores como o TIC, enerxía ou industria, entre outros

A delegación galega estará formada por representantes de Gain, das multinacionais Indra, Babcock e Boeing, centros tecnolóxicos, universidades, clústeres empresariais e outras empresas galegas
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2019.- A Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria estará presente no Foro Transfiere: 8º Foro Europeo para a Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, que se celebra en Málaga os vindeiros 13 e 14 de febreiro, o principal encontro profesional e multisectorial para a transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Tamén asistirán outras administracións como o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependentes do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O obxectivo da participación galega no Foro é difundir a iniciativa para a creación dun polo de referencia a nivel internacional arredor dos vehículos non tripulados para uso civil en Galicia, a Civil UAVs Initiative (CUI), así como apoiar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía dos produtos e resultados tecnolóxicos obtidos no marco da iniciativa e contribuír á internacionalización da marca do Polo Aeroespacial de Galicia a través da participación nos máis prestixiosos foros, congresos e feiras a nivel internacional.

Participación no Foro

A Xunta contará cun mostrador propio centrado na Civil UAVs Initiative, no que se informará sobre a iniciativa con especial énfase na convocatoria aberta da incubadora-aceleradora Business Factory Aero, que ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 28 de febreiro para captar proxectos de emprendemento e empresas de nova creación vencelladas ao sector aeroespacial. Xunto á Administración autonómica, asisten ao foro outros axentes implicados na iniciativa como as multinacionais Boeing, Indra e Babcock, os centros tecnolóxicos Aimen, Gradiant e Cesga, a Universidade de Santiago de Compostela e as empresas SRM-Consulting, Aeromedia e Seadrone.

Ademais, a Xunta organiza unha mesa redonda sobre a Civil UAVs Initiative, o mércores 13 ás 18 horas, na que participará a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e directivos de Indra, Babcock e Boeing. Tamén estará presente nunha mesa redonda sobre a relación industria-universidade no sector aeroespacial no ámbito internacional, o xoves 14 ás 13 horas. Paralelamente, o mércores pola tarde, na Open Innovation Area, farase unha presentación da Business Factory Aero ás 18,15 horas e manteranse diferentes encontros entre as entidades que asisten en representación da CUI e outros axentes asistentes ao Foro.

Ademais, o ecosistema galego de innovación estará presente tamén en oito mesas de networking para manter reunións bilaterais con outras entidades asistentes ao foro, vencelladas ao sector aeronáutico/aeroespacial, administracións públicas, industria, TIC, enerxía e agrupacións empresariais innovadoras. Por último, presentarase o mapa de apoios á innovación da Xunta de Galicia o mércores ás 18,45 horas.

Outras entidades galegas que asisten ao Foro xunto coa Axencia Galega de Innovación son a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), a Universidade da Coruña, o clúster Bioga e o Instituto de Matemática Industrial (Itmati).
 

Data de actualización: 09/02/2019