A Xunta aposta pola formación en economía verde para abrir novas oportunidades laborais

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Guarda na presentación do proxecto Xe-Mente, que desenvolve a Asociación San Xerome Emiliani, para formar ás persoas con capacidades diferentes en novos perfís profesionais vinculados co desenvolvemento dunha economía verde

Toca defende que a formación de calidade e o impulso á contratación son piares para acadar a inclusión laboral das persoas que máis o precisan e apela á colaboración dos interlocutores sociais para lograr este obxectivo

O Goberno galego desenvolve programas de axudas para impulsar a formación entre as persoas en risco de exclusión e para promover a súa contratación nas empresas galegas

A Guarda (Pontevedra), 8 de febreiro de 2019
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Guarda na presentación do proxecto Xe-Mente, Las semillas de la diversidad, que impulsa a Asociación San Xerome Emiliani co obxectivo de ofrecer unha nova oferta formativa ás persoas con capacidades diferentes e con máis dificultades para atopar un emprego.

O que se pretende con esta iniciativa é xerar novos perfís profesionais que contribúan a crear empregos verdes inclusivos. Así, Xe-Mente incluirá dez accións formativas sobre herbas medicinais; arbóreas autóctonas; plantas ornamentais; horticultura ecolóxica; froiticultura ecolóxica; creación e xestión dunha horta ecolóxica; elaboración de compostaxe orgánico; ecodeseño de sementeiros e obxectos biodegradables; comercialización de produtos da horta ecolóxica; e formación de co-formadores de persoas con diversidade funcional ou intelectual que poidan impartir a parte práctica dos cursos.

Toca apoiou este plan destacando a aposta da Xunta polo emprego inclusivo e pola economía verde para abrir novas oportunidades laborais. De feito, explicou que o compromiso da Xunta en materia laboral está estreitamente vinculado coas ideas ás que a Organización Internacional do Traballo (OIT) refírese no programa Empregos verdes. Indicou, ao respecto, que as políticas laborais da Administración autonómica buscan a xeración dun emprego sustentable para o desenvolvemento dunha economía sostible e para avanzar no camiño da inclusión social. Neste senso, a secretaria xeral de Emprego apelou á colaboración dos interlocutores sociais para acadar este obxectivo.

Toca defendeu, ademais, que a formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial é un piar fundamental para acadar un emprego inclusivo, sinalando que a Xunta traballa neste ámbito para avanzar no camiño da inclusión na sociedade de todas os galegos e galegas, sen excepción. Neste senso, apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está primando a creación de postos de traballo dos que máis o precisan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo. A Axenda 20 para o Emprego inclúe ferramentas para promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social.

Galicia conta na actualidade con 109 centros especiais de empregos que empregan a 2500 traballadores con capacidades diferentes, e 70 persoas para as unidades de apoio.

Os Orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para 2019 inclúen máis de 15 millóns de euros para poñer en marcha programas específicos para impulsar o emprego das persoas con discapacidade: a través de axudas para os centros especiais de emprego, para a contratación de persoas con capacidades diferentes nas empresas galegas e coa posta en marcha dun novo programa dual nos centros especiais que combinará formación con prácticas no posto de traballo.

Toca rematou a súa intervención sinalando que o Goberno galego traballa polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais.

Data de actualización: 08/02/2019