O curso ten unha duración de 30 horas e se desenvolve no Centro galego de desenvolvemento integral (Cegadi)
Comeza a formación do persoal que porá en marcha as primeiras 30 Casas do Maior

Impártense coñecementos en temáticas como alimentación adaptada, coidados auxiliares ou animación sociocultural, entre outros

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2019
  • whatsapp

A Xunta de Galicia iniciou a formación das persoas encargadas das primeiras 30 Casas do Maior, que se instalarán en 25 concellos rurais de menos de 5000 habitantes e darán asistencia a 150 maiores con dependencia. Cada unha delas dará servizo a un mínimo de dúas e un máximo de cinco maiores de 60 anos con dependencia moderada ou severa, e funcionarán un máximo de oito horas diarias, con flexibilidade horaria.

A acción formativa, de 30 horas de duración e que ten lugar nas instalación do Cegadi, ten en conta a atención que darán os futuros profesionais das Casas do Maior, que comprenderá a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e o adestramento cognitivo. Deste xeito, o curso estrutúrase en catro áreas temáticas: cociña, alimentación adaptada, limpeza e organización; enfermaría e coidados auxiliares; xeriatría; e terapia ocupacional e animación sociocultural.

A explicación dos contidos corre a cargo de profesionais con ampla experiencia no campo da atención residencial ás persoas maiores e dependentes: persoal médico, enfermeiro, terapeuta, mestre de cociña e animador sociocultural. O obxectivo é preparar ao persoal responsable das Casas do Maior antes da súa entrada en servizo con todas as garantías de seguridade e calidade esixibles.

En total, a Xunta investirá na creación destes recursos pioneiros máis de 1 millón de euros, dos cales, 400.000 euros destinaranse a apoiar os investimentos necesarios para adecuar as casas e os 600.000 euros restantes permitirán o desenvolvemento da súa actividade. A intención do executivo é volver a lanzar esta convocatoria no 2019 para que antes de que remate a lexislatura Galicia conte con 60 Casas do Maior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/02/2019