‘Escenas do cambio’ trae a Galicia a obra teatral ‘MDLSX’, unha visión sobre identidade e xénero gabada pola crítica internacional

A compañía italiana MOTUS inspirouse en fragmentos da novela 'Middlesex' de Euginedes para esta peza aclamada por ‘The Guardian’ ou ‘The New York Times’

O festival permitirá ver esta fin de semana no Gaiás a François Chaignaud e Marco Berrettini, dúas figuras da danza contemporánea internacional

O certame tamén acolle estes días a presentación dos novos proxectos teatrais de Celso Fernández Sanmartín e Diego Anido e Borja Fernández, como ‘Colectivo Marciano Balboa’

A segunda semana de 'Escenas do cambio' arrancará o luns cunha performance de Isidoro Valcárcel creada para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2019
  • whatsapp

Escenas do cambio, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, permitirá ver esta fin de semana a obra MDLSX da compañía italiana MOTUS que vén precedida de excelentes críticas de medios de prestixio internacionais como The Guardian ou The New York Times.

Con evidente interese en romper as barreiras entre xéneros, Escenas do cambio ofrecerá mañá domingo, día 10, no Teatro Principal de Santiago de Compostela un espectáculo de gran produción multidisciplinar, apoiado na danza, o videoarte e tamén na música.

O traballo da actriz Silvia Calderoni estará arroupado por unha banda sonora que conta con pezas de Vampire Weekend ou The Smiths, así como con fragmentos de textos de Donna Haraway, Paul B. Preciado, Judith Butler, Pier Paolo Pasolini ou extraídos da famosa novela Middlesex de Jeffrey Euginedes, na que se inspira o nome da peza de MOTUS.

De igual xeito, o festival permitirá gozar esta fin de semana no Gaiás de dúas figuras da danza contemporánea internacional como son François Chaignaud e Marco Berrettini. O primeiro trae hoxe sábado, ás 19,00 horas, á Cidade da Cultura o seu vestido que é case unha escultura artística, que ten cativado a crítica nos festivais de máis renome da danza, como son o de Viena ou Montpellier.

A presenza de Berrettini en Escenas do cambio suporá ver presentado por primeira vez en Galicia o seu traballo. Será este domingo e estará acompañado do coro infantil do Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela. Desta forma, o festival continúa a súa aposta por traballos transdisciplinares que achegan os máis novos ao mundo da escena contemporánea internacional.

Proxectos galegos

A edición deste ano de Escenas do cambio está a ser a plataforma de moitas compañías e artistas galegos para dar a coñecer os seus novos proxectos. É o caso de Celso Fernández Sanmartín que presentará na tarde de hoxe, ás 20,30 horas, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, a adaptación teatral do seu libro de poemas A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez. Para iso, o coñecido narrador oral subirá ao escenario o mesmo leito onde descansaba o seu avó nun peza emotiva e moi persoal.

O domingo tocaralle a quenda a O inevitable, o primeiro traballo de Diego Anido e Borja Fernández como Colectivo Marciano Balboa. Ambos contan cunha ampla bagaxe en compañías referentes da escena galega como Chévere ou Voadora e dan este salto cunha compañía propia para unha peza irreverente e adobiada de humor, que se poderá ver ás 19,00 horas no Salón Teatro.

Con estas representacións da fin de semana no Teatro Principal ou no Salón Teatro, Escenas do cambio continúa coa expansión da súa programación desde a Cidade da Cultura a espazos culturais estratéxicos de Compostela.

Isidoro Valcárcel no Museo do Pobo Galego

Nesta mesma liña, o vindeiro luns, día 11, arrancará a segunda semana do festival coa performance de Isidoro Valcárcel –Premio Nacional de Arte e Premio Velázquez das Artes Plásticas– creada ex profeso para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego. Esta intervención artística rematará cun encontro entre este tótem da arte da vangarda, que conta con 40 anos de experiencia artística, e o coñecido comisario de arte Juan de Nieves.

Toda a programación de Escenas do cambio e a venda de entradas pode consultarse nas páxinas web da Cidade da Cultura de Galicia e do festival.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/02/2019