Xunta e Cerdedo-Cotobade homenaxean a Salustiano Portela cunha nova reedición da obra 'O cañón de pau'
Cerdedo-Cotobade, 8 de febreiro de 2019

A Xunta de Galicia, por medio das consellerías de Cultura e Turismo e mais de Educación, Universidade e Formación Profesional, e o Concello de Cerdedo-Cotobade homenaxearon hoxe a Salustiano Portela Pazos coa presentación da nova reedición da obra O cañón de pau, monografía coa que o ilustre cotobadés obtivo o galardón do Certame Histórico Patriótico convocado polo Concello de Santiago de Compostela en 1909 con motivo da Exposición Rexional Galega dese ano, coincidente co primeiro centenario das loitas antinapoleónicas.

O amplo e documentado estudo de Portela Pazos publicouse catro anos despois, en 1913, no establecemento tipográfico de El Eco de Santiago, e decontado se converteu nun volume referencial na historia do heroico episodio da loita contra a francesada dos afoutos cotobadeses. A segunda edición, de 1976, prologouna Antonio Fraguas, autor ao que a Real Academia Galega lle dedica neste ano 2019 o 17 de maio. No acto participaron os secretarios de Política Lingüística e xeral técnico de Educación, Universidade e Formación Profesional, Valentín García e Jesús Oitavén (autor do prólogo da nova edición), respectivamente; o presidente do Concello de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o director de Galaxia, Antón Vidal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2019