A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse en Madrid co presidente da confederación, Anxo Queiruga
A Xunta estuda con Cocemfe abrir novas liñas de colaboración para mellorar a atención de persoas con distintas capacidades

Destina 106 millóns de euros dos Orzamentos en vigor desde inicios de ano ao benestar destas persoas e das súas familias

Madrid, 11 de febreiro de 2019
  • whatsapp

A Xunta de Galicia estuda coa Confederación Española de Persoas Con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe) abrir novas liñas de colaboración para mellorar a atención de persoas con distintas capacidades. A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse hoxe en Madrid co presidente desta entidade, Anxo Queiruga, para coñecer de primeira man as necesidades dos colectivos que a aglutinan.

Fabiola García destacou a importancia de vertebrar unha acción conxunta con todas as entidades sociais para conseguir que Galicia sexa un lugar no que ter distintas capacidades non implique nunca ter menos oportunidades.

Un compromiso que se pon de manifesto en medidas como os 106 millóns de euros que se invisten no benestar destas persoas e das súas familias nos Orzamentos en vigor desde inicios de ano, un 63% máis que hai unha década; nas 5500 prazas públicas de atención, 1100 máis que en 2009; ou no reforzo dos equipos de valoración coa posta en marcha de 14 novos e a axilización dos procedementos.

Así mesmo, a conselleira enxalzou o labor de Anxo Queiruga, presidente tamén de Cogami, entidade coa que a Xunta mantén diferentes programas de actuación nas áreas de inclusión, formación para o emprego, financiamento de proxectos e prazas de atención á discapacidade. Neste sentido, o Goberno galego multiplicou por catro a colaboración económica con Cogami nos últimos dez anos, ata acadar na actualidade os 4,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/02/2019