Isidoro Valcárcel ofrece en ‘Escenas do cambio’ unha peza creada ‘ex profeso’ para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Un dos pioneiros das ‘performances’ en España e referente desde hai 40 anos da arte da vangarda abre hoxe a segunda semana do festival da Cidade da Cultura con todas as entradas esgotadas

O xoves programase no Teatro Principal ‘Gatillo da felicidade’, unha obra con adolescentes non actores cunha posta en escena entre arriscada e perturbadora

O certame contará cos máximos referentes da danza contemporánea actual como son Alessandro Sciarroni, León de Ouro á súa carreira na Bienal de Venecia, Tino Sehgal e Ligia Lewis, que porán o alfinete de ouro o sábado 16 de febreiro

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar hoxe a segunda semana de ‘Escenas do cambio’, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción do Gaiás, e faino cunha peza creada ‘ex profeso’ para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego por Isidoro Valcárcel (Murcia, 1937), un dos pioneiros da ‘performance’ en España e que conta cunha traxectoria creativa de máis de 40 anos que lle valeu os máximos recoñecementos como son o Premio Nacional de Arte e Premio Velázquez de Artes Plásticas.

Deste xeito, ás 19 horas, poderase ver unha peza única e irrepetible por parte duns dos artistas plásticos e conceptuais con máis prestixio en España, alcanzado grazas a propostas arriscadas nas que a critica valora o seu rigor e coherencia, á vez que o seu compromiso coa ética e afastadas dos aspectos comerciais da arte. Esta intervención artística —para a que están todas as entradas vendidas— rematará cun encontro co coñecido comisario de arte Juan de Nieves, con entrada de balde previa retirada de convite no mesmo Museo do Pobo Galego.

A presenza de Isidoro Valcárcel en ‘Escenas do cambio’ tamén se completou cun obradoiro durante a primeira semana do festival, que lles permitiu aos e ás participantes contar cun mestre de luxo, cunha traxectoria ampla e referencial para varias xeracións de artistas en España e que se caracteriza por unha arte arriscada que fai pensar ao espectador, á vez que o sorprende.

Peza con adolescentes non profesionais

A programación de ‘Escenas de cambio’ continuará este xoves, día 14, con ‘Gatillo da felicidade’ (‘Trigger of happiness’), dos aclamados portugueses Ana Borralho e João Galante. Os creadores do exitoso ‘Atlas’, que se puido ver na edición de 2015 do festival, subirán ao escenario do Teatro Principal de Santiago a adolescentes non actores de Compostela —con idades comprendidas entre 18 e 23 anos— para que expoñan o seu xeito de ver e entender a vida, nunha posta en escena orixinal e cun punto perturbador, ao emular unha especie de ruleta rusa, pero cunha pistola de polvos de cores.

Esta segunda quenda da programación do festival permitirá ver a destacados artistas da danza contemporánea internacional como Alessandro Sciarroni, Tino Sehgal e Ligia Lewis. Estes dous últimos serán serán os encargados de pechar ‘Escenas do cambio’ con ‘Sans titre (2000)’ e ‘Minor matter’, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional.

Máis peso da danza

Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival, cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade, xa que o venres poderase ver xunto a ‘Chroma (35’)’, de Alessandro Sciarroni —Premio León de Ouro pola súa carreira na Bienal de Venecia— o orixinal traballo de Flora Détraz en ‘Tutuguri’ e o vestido-danzante de Ola Maciejewska en ‘Loie Fuller: Research’.

Toda a programación de ‘Escenas do cambio’ como a venda de entradas pode consultarse nas páxinas web da Cidade da Cultura de Galicia –www.cidadedacultura.gal— e do mesmo festival —www.escenasdocambio.org—.

Data de actualización: 11/02/2019