A Xunta executará novas actuacións de mellora en 21 colexios e institutos da Mariña cun orzamento de 343.000 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o CEIP Santa Rita de Galdo, en Viveiro, onde se instalará nova soleira no parque infantil e se colocará pavimento de caucho

Lugo, 11 de febreiro de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional programou novas actuacións de mellora en 21 centros educativos da área da Mariña que suman un orzamento aproximado de 343.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer as próximas accións que está previsto executar en 17 colexios e 4 institutos mariñáns no transcurso dunha visita ao CEIP Santa Rita de Galdo, en Viveiro, onde se instalará nova soleira no parque infantil e se colocará pavimento de caucho.

Balseiro subliñou que entre as prioridades da Consellería está a de “garantir que a actividade docente se desenvolva nun entorno cómodo e seguro”, e con ese obxectivo planifica periodicamente as obras que leva a cabo nos centros educativos da provincia de Lugo.

Segundo avanzou, no concello de Viveiro tamén está previsto reformar os baños da primeira planta do CEP Lois Tobío; cambiar portas no CEIP de Celeiro e realizar reformas na carpintería interior e exterior da EEI San Roque. Así mesmo, proxéctase substituír ventás no IES Vilar Ponte e instalar unha escaleira de emerxencia no IES María Sarmiento.

Polo que respecta aos demais municipios da zona, as accións programadas inclúen o acondicionamento do chan das aulas de infantil do CEIP do Vicedo; reformas no patio do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove; cambios na instalación de fontanería do CEIP Santa María do Valadouro; ampliación da biblioteca do CEIP Vista Alegre de Burela; cambio de caldeira do CEIP nº 1 de Foz e dos canlóns da cuberta do CEIP O Cantel (Foz); cambio de caldeira no CEIP Juan Rey de Lourenzá e traballos para substituír ventás nos CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, CEIP plurilingüe da Pontenova e CEIP de Riotorto. Tamén está prevista a mellora dos aseos infantís da planta baixa do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo e a revisión da instalación eléctrica dos CEIP San Miguel de Reinante e San Cosme, en Barreiros.

Igualmente, no IES Monte Castelo de Burela actuarase na instalación de calefacción do centro e no IES plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo está previsto substituír ventás.

Os proxectos executaranse ao abeiro do plan de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) dos centros educativos e as datas de inicio están condicionadas polo calendario lectivo, de xeito que as obras non interfiran no normal desenvolvemento das clases. Así, nalgúns casos tratarase de traballar en períodos como Entroido ou Semana Santa, e noutros actuarase durante as vacacións de verán coa previsión de ter as actuacións rematadas de cara ao vindeiro curso.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/02/2019