A Xunta presenta a representantes do Goberno central o funcionamento do Sistema Galego de Asistencia Xurídica Gratuíta

Varios responsables do Ministerio de Xustiza achegáronse hoxe a Galicia para coñecer as modificacións realizadas pola Xunta para implementar un sistema máis eficiente

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2019
  • whatsapp

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, presentou hoxe a varios responsables do Ministerio de Xustiza a ferramenta informática da Xunta destinada á Asistencia Xurídica Gratuíta, así como as modificacións acometidas nos últimos anos para conseguir un sistema máis eficiente.

Na reunión participaron, por parte do Ministerio, a subdirectora de Relacións coa Administración de Xustiza e Ministerio Fiscal, Blanca Cano; e a xefa de área, Yolanda González. No encontro, o director xeral explicou que a introdución de novas tecnoloxías foi fundamental para axilizar o pago das certificacións remitidas polos colexios de avogados e procuradores.

En xaneiro do ano pasado, a Xunta aprobou unha reforma do regulamento da asistencia xurídica gratuíta para adaptala ás últimas reformas lexislativas. Grazas a isto, afondouse no tratamento electrónico das certificacións e da presentación de solicitudes; na simplificación do trámite da revogación das resolucións denegatorias; e na inclusión como beneficiarios da asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de terrorismo, trata, menores e persoas con discapacidade vítimas de abuso ou maltrato.

Durante os últimos anos, a Xunta vén mantendo un firme compromiso coa Asistencia Xurídica Gratuíta como servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á xustiza de toda a cidadanía. Así, ademais de acadar unha xestión máis eficiente, tamén mellorou a colaboración a nivel orzamentario. Neste sentido, cómpre destacar que en 2017 asinou un acordo co Consello da Avogacía galega para incrementar as compensacións económicas destinadas aos colexios de avogados e procuradores, situando a Galicia á cabeza de España no referente ás remuneracións dos letrados da quenda de oficio. No 2018, Galicia incrementou de novo esta partida noutros 200.000 euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/02/2019