A Xunta financiará con 100.000 euros a revisión do Plan especial do casco histórico de Corcubión

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanzou este compromiso ao rexedor municipal, durante unha reunión celebrada esta tarde

Ángeles Vázquez recorda que Corcubión foi pioneiro ao ser o primeiro da Comunidade galega en contar con este instrumento de ordenación e protección do territorio
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou ao alcalde de Corcubión, Manuel Ínsua Ínsua, que o departamento que dirixe financiará cun orzamento de 100.000 euros a revisión do Plan Especial do Casco Histórico.

A responsable en materia de urbanismo e ordenación do Goberno galego mantivo esta tarde unha reunión co rexedor municipal, ao que tamén lle brindou a colaboración técnica da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para actualizar unha ferramenta que data de 1991 e que compre actualizala para adaptala ás distintas normativas actuais, que inciden na ordenación do territorio, no urbanismo sostible e na protección do patrimonio arquitectónico e cultural.

Salientou que nas vindeiras semanas o seu departamento traballará na redacción do documento co que se ratificará o compromiso adquirido pola Consellería de Medio Ambiente e que blindará a revisión do PECH.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que Corcubión foi un concello pioneiro nesta materia, xa que se converteu no primeiro en en contar cun plan especial de protección do seu casco histórico.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/02/2019