A Xunta achega información aos hostaleiros da provincia de Ourense sobre as axudas impulsadas polo Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos

Cinco departamentos da Xunta de Galicia únense a través de distintas liñas de axudas e actuacións para incentivar un turismo máis competitivo e de calidade

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, inaugurou unha xornada informativa co obxectivo de explicarlles os requisitos para beneficiarse das dúas primeiras medidas do Plan MAT activadas

Estas axudas de Cultura e Turismo e de Economía, Emprego e Industria están dotadas con 4 millóns de euros e estímase que poderán beneficiar 550 establecementos

Ourense, 12 de febreiro de 2019

A Xunta de Galicia, a través de cinco departamentos, impulsa o novo Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, que permitirá seguir configurando un destino máis competitivo e que aposta pola calidade. Recentemente abríronse as dúas primeiras medidas deste programa. Desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria impúlsase o programa Reforma TUR 2019, con axudas a establecementos hoteleiros á adquisición de materiais para a reforma de establecementos. E desde a Consellería de Cultura e Turismo, activouse unha orde de axudas para avanzar na mellora das infraestruturas de aloxamento, a accesibilidade, a obtención de certificados de calidade, o incremento da súa clasificación ou a renovación das súas instalacións.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada dos xefes territoriais das consellerías de Cultura e Turismo, Sandra Quintas Vázquez; e de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez González; inagurou unha xornada informativa con empresarios do sector hostaleiro da provincia para explicarlles os requisitos para acollerse a estes apoios e resolverlles as dúbidas sobre o proceso.

A través das distintas liñas de axudas previstas e das numerosas actuacións que impulsará o plan MAT estimularase a innovación, a accesibilidade e a dixitalización deste sector, que supón un piar fundamental da economía da nosa Comunidade. Por unha banda, búscase mellorar a oferta existente, dotándoa de máis e mellores servizos na procura da excelencia e da calidade. Por outra banda, configurar unha oferta axustada e especializada nos distintos territorios que son potencialmente interesantes pola súa vinculación ao medio mariño e pesqueiro, así como ao medio rural. Deste xeito, aspírase a un triplo obxectivo de dinamización, crecemento e empoderamento e profesionalización.

Na actualidade están activas as dúas primeiras medidas do Plan MAT que están dotadas con 4 millóns de euros e se estima que poderán beneficiar 550 establecementos.

Reforma TUR 2019

Trátase, por un lado do Reforma TUR 2019, un programa pioneiro deseñado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que se activou para facilitar a mellora e a modernización dos servizos de 500 establecementos hoteleiros galegos, co fin de actualizarse e dar resposta ás esixencias dos viaxeiros, en especial de cara ao vindeiro ano Xacobeo 2021. Cunha dotación de 3 millóns de euros para este ano e cunha mobilización estimada de máis de 24 millóns de euros, o programa achegará axudas que cobren o 25% e alcanzan rebaixas do 50% nos gastos de compra de materiais para a reforma dos establecementos, ao sumar outro desconto do 25% que farán polas empresas adheridas ao programa. Deste xeito, a iniciativa contribuirá a estimular tanto a actividade económica como o emprego entre as pemes e os autónomos do sector da construción.

Poderán acollerse ao programa os titulares de establecementos hoteleiros cun máximo de 40 prazas dentro da categoría de hoteis, hoteis balneario e hoteis talaso, ademais das instalacións de turismo rural e albergues privados situados no Camiño de Santiago. As axudas públicas poderán acadar os 25.000 euros.

Mediante o Reforma TUR 2019, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, busca manter a dinamización das empresas de materiais de construción e incentivar o sector turístico en Galicia, particularmente nos establecementos de menor dimensión e capacidade. Esta iniciativa foi consensuada coa Asociación de Empresarios de Materiais de Construción (Asemaco) e coa Axencia Turismo de Galicia.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda, que serán resoltas pola vía telemática en cuestión de días, permanece aberto para as entidades colaboradoras ata o 28 de marzo, mentres que os locais hoteleiros disporán de prazo desde o 28 de febreiro ata o 30 de abril. As solicitudes dos beneficiarios deberán presentarse nos establecementos adheridos ao programa.

Axudas Turismo

Desde a Consellería de Cultura e Turismo lanzouse unha orde de axudas para avanzar na mellora das infraestruturas de aloxamento, a accesibilidade, a obtención de certificados de calidade, o incremento da súa clasificación ou a renovación das súas instalacións.

A través dela, poderán cubrirse investimentos dirixidos a accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, como o Q de calidade turística, ou actuacións para incrementar a clasificación os establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector.

O Plan MAT trátase dun programa que implica cinco departamentos da Xunta de Galicia, que se unen ao redor de catro liñas de actuación e catro eixes de actuación. No Plan MAT están presentes Presidencia da Xunta, a través da Amtega; a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e do Inega; a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina as accións incluídas nel; a Consellería do Medio Rural, a través de Agader, e a Consellería do Mar.

As liñas estratéxicas do Plan MAT buscan a mellora estrutural da competitividade do sector, a formación, calidade e actualización, a innovación e desenvolvemento e a comercialización e busca de sinerxías. Entre os seus eixos de actuación inclúense a valorización do medio/contorno, a eficiencia e mellora enerxética, a accesibilidade universal, con especial atención á igualdade, e a dixitalización e a sociedade do coñecemento.

Preto de 20 programas

O Plan MAT comprende preto de vinte liñas de axudas para a creación ou mellora de establecementos de aloxamento, a través de subvencións e instrumentos financeiros. Igualmente, vai acompañado de numerosas actuacións, tales como a creación dun mapa interactivo de axudas que permita ao sector coñecer polo miúdo os recursos dispoñibles; actividades formativas, xornadas de networking global e sectorial, encontros informativos con expertos, difusión de boas prácticas, recoñecemento e distinción da excelencia; cursos de especialización a cargo de entidades de prestixio como o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), formación e xornadas de sensibilización en accesibilidade, actividades orientadas á innovación e de apoio á xestión e actualización continua ou divulgación.

Establécense, ademais, actuacións en eidos singulares para o aproveitamento dos aloxamentos turísticos nos Camiños de Santiago, termalismo, turismo e xuventude (festivais, deportes...) e turismo científico (ornitoloxía, astronomía, xeoloxías ou patrimonio industrial).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2019