O Plan reitor de usos e xestión do Parque natural do Invernadeiro será aprobado en marzo en Consello da Xunta

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que outro paso previo necesario é contar co informe do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento, que se celebrará a finais de febreiro

Ángeles Vázquez destaca este espazo segue os pasos avanzados polo único Parque Nacional en Galicia, Illas Atlánticas, que tamén vén de acadar a aprobación do seu plan reitor de usos e xestión

Recorda que o Invernadeiro, con case 6.000 hectáreas, é o único parque natural que é de propiedade pública ao 100 por cento, desde o ano 1984

Invita á sociedade a coñecer a riqueza e valores paisaxísticos deste parque natural a través dos seus 42 quilómetros distribuídos en seis rutas

Vilariño de Conso (Ourense), 12 de febreiro de 2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que a previsión do departamento que dirixe é que ao longo do mes de marzo se eleve a Consello da Xunta a aprobación do Plan reitor de uso e xestión do Parque natural do Invernadeiro. Ángeles Vázquez adiantou este prazo durante a súa visita a este espazo natural, así como a súa aula de natureza, na que estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Melisa Macía.

A conselleira recordou que o PRUX deste parque foi sometido a información pública o pasado mes de setembro, polo que -despois de analizar e integrar as alegacións- na actualidade estanse a recompilar os informes necesarios para abordalo no vindeiro Consello Galego de Medio Ambiente, que se celebrará a finais de febreiro; polo que o vindeiro e definitivo paso será elevado ao Consello da Xunta para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, que ratificará a súa entrada en vigor.

Recordou que o Parque do Invernadeiro, que abarca unha extensión de case 6.000 hectáreas, segue os pasos do único Parque Nacional en Galicia, Illas Atlánticas, que vén de acadar a aprobación do seu plan reitor recentemente.

Ángeles Vázquez destacou que o parque do Invernadeiro é un dos seis parques naturais cos que conta a comunidade galega, pero este é o único que é propiedade pública ao 100 por cento desde o ano 1984, tamén é un dos lugares máis propicios para observar grandes mamíferos e conserva bosques inalterados de carballos e acivros con exemplares de máis de cincocentos anos. Nese sentido, salientou que un PRUX é un instrumento que vai a garantir o equilibrio entre o goce do patrimonio natural que alberga e a súa conservación para as vindeiras xeracións.

“Unha riqueza natural incalculable”- engadiu- que os visitantes poden coñecer a través dos 42 quilómetros que suman as seis rutas de sendeirismo que transcorren polo parque. A modo de exemplo, citou a ruta que vai pola contorna da Hedrada, recentemente creada con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia e con Fondos FEADER, que une distintos puntos de interese nas localidades de Hedrada e San Mamede de Hedrada ata chegar ao Parque Natural.

Por último, engadiu que a Consellería seguirá a traballar para divulgar a necesidade de facer un uso respectuoso dos espazos naturais máis salientables, sen esquecer a importancia de preservalos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2019