A Xunta aposta por unha minaría respectuosa co medio ambiente e xeradora de riqueza e emprego no rural galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca na presentación da iniciativa Minaría Sostible de Galicia que o sector representa o 0,7% do PIB da Comunidade e supón máis de 11.200 postos de traballo

Avoga por un aproveitamento racional, ordenado e eficiente dos recursos da Comunidade, a terceira autonomía española en produción mineira co 14% do total

Destaca o papel que xogan os clusters e os centros tecnolóxicos impulsando a I+D nas explotacións

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na presentación de Minaría Sostible de Galicia, que esta iniciativa, na que participan a Cámara Oficial Mineira de Galicia e os principais organismos e asociacións deste ámbito, ten por obxectivo poñer o acento sobre unha industria estratéxica para a economía galega, especialmente no rural, respectuosa co medio ambiente e economicamente sostible.

Conde, que avogou por un aproveitamento racional, ordenado e eficiente dos recursos, subliñou que a xeografía galega presenta un enorme patrimonio xeolóxico que converte Galicia na terceira autonomía española en produción mineira, co 14% do total. Así, o sector representa o 0,7% do PIB e supón máis de 11.200 postos de traballo, o 1% do emprego total na Comunidade.

Galicia produce o 41% das rochas ornamentais do conxunto estatal, sendo líder mundial en produción de lousa e tendo no granito un material ecolóxico e impulsor da economía galega. A Comunidade é tamén un referente cando se fala de áridos, e conta con máis de 300.000 mananciais de auga que conteñen sales minerais e con importantes reservas doutros minerais como arxilas e cuarzo.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a implantación no medio rural a vertente innovadora desta industria, destacando que a maior parte das empresas mineiras que operan en Galicia son de capital galego, sendo o 97% dos titulares de dereitos mineiros pequenas e medianas empresas. No tocante á I+D, o conselleiro destacou o papel que desenvolven as asociacións, clusters e centros tecnolóxicos, permitindo o avance tecnolóxico que se produce no Comunidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2019