O Portal de Transparencia da Xunta acumula desde a súa posta en marcha máis de 300.000 visitas e 1,2 millóns de páxinas consultadas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega dos informes á valedora do pobo, Milagros Otero, continuando así a senda iniciada no ano 2016, cando foi aprobada a Lei de Transparencia

O Portal de Transparencia contén mais de 950 páxinas web onde se poden visualizar mais de 2.400 documentos

Alfonso Rueda indicou que Galicia foi pioneira en transparencia e boas prácticas na Administración e a premisa do Goberno galego é seguir ofrecendo máis e mellores servizos aos nosos cidadáns
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda entregou hoxe á valedora do Pobo, Milagros Otero os informes de transparencia, participación cidadá e mellora dos servizos públicos na Administración Autonómica 2018, continuando así a senda iniciada no ano 2016, cando foi aprobada a Lei de Transparencia.

Segundo explicou Alfonso Rueda, que estivo acompañado pola directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, dende a posta en marcha do Portal de Transparencia en marzo do ano 2016 e ata o 31 de decembro de 2018, o Portal recibiu mais de 305.000 visitas nas que foron consultadas 1,2 millóns de páxinas, sendo das mais visitadas as referentes a altos cargos, retribucións, normativa ou contratación. Este informe está a disposición da cidadanía en https://transparencia.xunta.gal/transparencia-neste-portal

O Portal de Transparencia contén mais de 950 páxinas web onde se poden visualizar mais de 2.400 documentos. Dá así cumprimento á Lei galega de transparencia, que ten como obxectivo fundamental facilitar á cidadanía unha maior cantidade de información da que dispoñía ata o momento e máis da que establece a lexislación básica estatal: en concreto, máis de 50 elementos a maiores, o que converteu á nosa comunidade na que máis obrigas ten asumido a través da súa normativa autonómica. Tamén é salientable o dato referido ás peticións de acceso á información pública, das que están resoltas practicamente o 90 por cento.

No encontro, o vicepresidente tamén fixo entrega do informe da oficina de defensa dos usuarios dos servizos públicos, en relación coas suxestións e queixas achegadas polos cidadáns. Este documento dispoñible en https://transparencia.xunta.gal/tema/participacion-e-relacions-coa-cidadania/suxestions-e-queixas dá cumprimento á Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa Administración, e recolle os datos semestrais e o balance global anual de tramitación das suxestións e queixas relativas ao funcionamento do sector publico autonómico correspondente ao ano 2018. Para facer as súas achegas, os cidadáns poden acollerse a calquera das canles habilitadas ao efecto: rexistro da Xunta, teléfono ou sede electrónica, o que lles permite acceder os 365 días ao ano as 24 horas do día.

 

Neste informe recollese que no ano 2018 recibíronse un total de 1.104 queixas e 113 suxestións, o que supón un incremento notable en ambas categorías, o que reflicte que os cidadáns cada vez coñecen máis estas ferramentas de intercomunicación coa Administración autonómica, o que permite coñecer de primeira man o que se pode mellorar e así poñer en marcha recursos e mecanismos para logralo, xa que permite coñecer áreas susceptibles de mellora e poñer en marcha actuacións que redundan nunha maior calidade na prestación dos servizos públicos na Administración.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2019