A Xunta continúa a aposta polo emprendemento e ofertará este 2019 máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial bonificado con rebaixas de ata o 50%

Feijóo salienta que o Goberno galego logrou reactivar a adxudicación de superficie en polígonos de maneira importante entre os anos 2015 e 2018

“Estamos ante estratexias que están a funcionar e que malia a crise supuxeron case un millón e medio de metros cadrados vendidos nos últimos anos”, subliña

O presidente da Xunta valora que coas iniciativas postas en marcha nos últimos anos é cada vez “máis fácil” ser emprendedor
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Goberno autonómico ofrecerá ao longo deste ano máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial bonificados. “Esta iniciativa ten como obxectivo seguir atraendo investimentos a Galicia”, destacou, e detallou que estas vendas terán, ademais, unha rebaixa de ata o 50%, dependendo da zona das parcelas.

Por un lado, Xestur convocará un novo concurso para a venda de 929.422 metros cadrados de solo empresarial e por outra banda, ofertaranse 322.258 metros cadrados de parcelas industriais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para facer os citados 1,25 millóns de metros cadrados. En total, ofrécense máis de 430 parcelas distribuídas en 32 parques empresariais das catro provincias.

O Consello tamén fixo balance hoxe da Estratexia de Venda de Solo Empresarial, que desde hai anos fai máis accesible e máis barata a compra para todos aqueles que queiran iniciar un proxecto que cree riqueza e emprego. Coa análise constatouse que a Xunta logrou reactivar a adxudicación de solo empresarial de maneira importante, tendo en conta que entre 2015 e 2018 se adxudicaron 1,45 millóns de metros cadrados, grazas a unha aposta polas bonificacións e os incentivos ás empresas que se traduciu na mobilización de 60 millóns de euros. Ademais, Feijóo apuntou que se prevé que as empresas que se beneficiaron desa superficie invistan máis de 375 millóns de euros e creen máis de 6.100 postos de traballo.

A política dos incentivos baséase na decisión tomada en 2015 que consiste en bonificar os prezos de venda do solo industrial dispoñible e, ao mesmo tempo, na resolución de 2016 que deu a posibilidade de adxudicar o solo en forma de dereito de superficie, co que as empresas pagan un canon anual moi reducido por metro cadrado.

Feijóo deixou claro que un dos obxectivos prioritarios dende a súa chegada á Xunta é facer esta terra máis atractiva para os investimentos. Por isto, para “facer máis fácil ser emprendedor”, aprobouse no pasado unha lei e varias iniciativas que implican tamén aos concellos. Grazas a isto, a Unidade Galicia Emprende fai que o asesoramento sexa máis efectivo, hai puntos de activación empresarial vía electrónica que axilizan de forma moi notable os trámites, os emprendedores contan cun paquete de incentivos fiscais e as adquisicións son máis sinxelas coa mencionada estratexia de venda.

“Estamos, polo tanto, ante estratexias que están a funcionar e que malia a crise supuxeron case un millón e medio de metros cadrados adxudicados nos últimos catro anos”, subliñou o titular do Goberno galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2019