A Rexión Norte de Portugal únese a Galicia, Asturias e Castela-León na reclamación do corredor atlántico

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá en Porto, unha reunión coa vicepresidenta da Comissiâo de Coordinacâo e Desenvolvimento Regional do Norte- CCDRN- Ester Gomes da Silva

Alfonso Rueda indicou a relevancia desta alianza estratéxica das rexións do noroeste peninsular para acadar investimentos e actuacións concretas na rede de transporte ferroviario

Alfonso Rueda e Ester Silva, analizaron tamén o estado do proxecto Ariem+, o plan de cooperación en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos, que xira en torno á prevención de riscos naturais

Porto (Portugal), 15 de febreiro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha xuntanza coa vicepresidenta da Comissiâo de Coordinacâo e Desenvolvimento Regional do Norte- CCDRN- Ester Gomes da Silva, quen lle trasladou a total disposición da Rexión Norte de Portugal na defensa dos intereses en materia de infraestruturas, concretamente na demanda de financiamento comunitario do Corredor Atlántico de Mercadorías.

Alfonso Rueda indicou que no marco da reunión mantida abordouse como temática principal a programación de infraestruturas a nivel europeo, concretamente o Corredor atlántico e a conexión ferroviaria entre Galicia e o norte de Portugal, onde avanzou que despois da alianza entre Galicia, Asturias e Castela e León para reclamar o impulso do Corredor Atlántico e un investimento de máis de 3.000 millóns de euros, agora únese a Rexión Norte de Portugal, consolidando así una alianza estratéxica do noroeste penínsular.

Esta demanda conxunta vai máis alá do ámbito institucional, xa que ademais dos Gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León, tamén participan empresarios, sindicatos, concellos e, en definitiva, toda a sociedade civil destas rexións, e como indicou Alfonso Rueda é necesario a unión de todas as rexións do noroeste peninsular para acadar investimentos, actuacións concretas,nun ámbito tan importante como é a rede de transporte ferroviario de mercadorías.

Pola súa banda, a vicepresidenta da CCDR-N, Ester Silva indicou que para a Rexión Norte de Portugal é de gran importancia defender este obxectivo conxunto, xa que tanto as comunicacións como o transporte con Galicia, con España e con Europa é especialmente relevante para a súa política económica. Ester Silva resaltou a importancia de que as rexións estean unidas e poñan en común esforzos de maneira conxuntar para poder acadar investimentos e infraestruturas que son imprescindibles para a economía de cada unha das rexións.

Finalmente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda avanzou que na vindeira reunión que se vai celebrar en Madrid cos tres presidentes autonómicos de Galicia, Asturias e Castela e León onde presentarán esta entente polo Corredor Atlántico e polo noroeste peninsular, esperan contar coa presenza do presidente da CCDRN, Fernando Freire de Sousa.

Proxecto Ariem +. Plan Cooperación en Emerxencias e Riscos Transfronteirizos

No seo da reunión entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a vicepresidenta do CCDR-N, Ester Silva, analizaron o estado do proxecto Ariem+, o plan de cooperación en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos, que xira en torno á prevención de riscos naturais relacionados co clima (inundacións, incendios, secas...) e de riscos relacionados con actividades humanas (accidentes tecnolóxicos, instalacións industriais...). E, por outra banda, define tamén medidas de adaptación ao cambio climático en materia de sensibilización da poboación e de protección civil e creación de sistemas e infraestruturas de xestión de catástrofes.

Os obxectivos do Ariem+ son a definición dun Plan Territorial Transfronteirizo de Emerxencias que permita obter a máxima protección para as persoas, o medio ambiente e os bens que poidan verse afectados; a creación dunha rede de mando operativo único para a xestión conxunta dos recursos humanos e materiais en situacións de risco que mellore a xestión e coordinación in situ de emerxencias; a identificación dos riscos da zona, en especial os derivados do cambio climático (incendios forestais, inundacións...) e definición dun plan de actuación ante eles, e o reforzo da capacidade operativa incorporando novas tecnoloxías TIC e novos medios para a prevención e xestión de riscos.

Ademais, apostase pola formación especializada na resposta aos riscos detectados e no uso dos medios adquiridos, e tratarase de sensibilizar á poboación sobre os riscos identificados, as vías de prevención e autoprotección.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2019