Medio Rural e o Concello de Cartelle impulsarán a recuperación integral dos terreos da comunidade de montes de Nogueiró

O proxecto, que xestionaría a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, permitirá recuperar cultivos en áreas en desuso para fomentar así unha produción sustentable

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu esta semana ao alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, xunto con representantes da Asociación de comuneiros de Nogueiró para estudar un novo proxecto de dinamización do monte nos terreos pertencentes a esta comunidade de montes.

A iniciativa que se pretende desenvolver, e que será xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), consistirá na recuperación integral dos terreos desta comunidade, co obxectivo de dedicalos a pastos en extensivo e a plantación de soutos de castiñeiros, entre outros cultivos. Trátase dunha medida que contribúe á loita contra o abandono de terras e, por conseguinte, de incendios forestais. Neste senso, o conselleiro agradeceulle ao rexedor a súa aposta polas variedades autóctonas e pola multifuncionalidade do monte como motor da economía no rural galego.

O titular de Medio Rural salientou a importancia deste tipo de proxectos na nosa comunidade, xa que permiten recuperar cultivos en áreas en desuso para poñelos en valor mediante o seu arrendamento pactado. Así, destacou que na actualidade estase traballando en oito iniciativas en diferentes localizacións e sectores produtivos, como son a posta en valor de terras abandonadas para prados en Sober, a recuperación de pasteiros nos Ancares ou a mellora de zonas de reestruturación parcelaria afectadas por incendios en Cualedro e Oímbra. Tamén trasladou que se está a traballar en proxectos como as áreas para produción de pemento e horta en Arnoia, os prados en Val de Lemos e a recuperación de soutos en Folgoso do Courel.

Finalmente, ambos dirixentes analizaron tamén a situación actual en materia de reorganización parcelaria. Así, abordouse a situación da reestruturación na zona de Santa Baia de Anfeoz, que se atopa en fase de bases definitivas e que afecta unha superficie de máis de 700 hectáreas, pertencentes a 764 veciños. Así mesmo, José González comprometeuse a estudar a posibilidade de mellorar as comunicacións neste concello coa construción dunha ponte entre San Martiño e Cartelle.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2019