Feijóo afirma que a Xunta seguirá traballando para, entre todos, defender os intereses de Galicia e que se cumpra coas infraestruturas clave

Incide na transferencia da Autoestrada do Atlántico e reiterou, tamén, a necesidade de bonificacións do 25% en cada viaxe, sempre que sexa de ida e volta no mesmo día

Salienta a importancia de levar a cabo o enlace orbital e a A-54, con vistas á celebración do Xacobeo 2021

No tocante ao enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura, salienta que contribuirá a desconxestionar a saída norte da autoestrada, completando a funcionalidade desa gran obra de ampliación da capacidade da circunvalación de Santiago
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá traballando para, entre todos, defender os intereses de Galicia e que se cumpra coas infraestruturas clave para a Comunidade, entre as que destacou: a transferencia da AP-9, o Enlace do Orbital de Santiago, comprometido nos orzamentos de 2018 e a axilización dos prazos de finalización dos treitos pendentes da Autovía Lugo-Santiago.

Durante a posta en servizo do enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura, Feijóo incidiu, deste xeito, na importancia de proseguir coas grandes obras do país, con independencia dos sobresaltos políticos que leva vivindo España de forma ininterrompida desde 2016. Así, referiuse, nun primeiro termo, á transferencia da Autoestrada do Atlántico; “unha demanda na que estamos de acordo todos os grupos da Cámara galega”, recordou.

Así mesmo, insistiu en que o Executivo galego seguirá traballando co Goberno de España que saia das urnas para poñer proporcionalidade nas peaxes, “porque os galegos non podemos financiar os 1.400 millóns de euros que supón o convenio asinado polo Ministerio de Fomento con Audasa, para financiar as obras e os gastos de conservación e financeiros que supuxo facer a ampliación da Ponte de Rande e a circunvalación”, abundou, ao tempo que reiterou tamén a necesidade de bonificacións do 25% en cada viaxe, sempre que sexa de ida e volta no mesmo día.

“Os intereses de Galicia son permanentes, con independencia do período no que os galegos poidamos elixir ao Goberno de España”, sinalou, reiterando a importancia de levar a cabo o enlace orbital e a A-54, con vistas á celebración do Xacobeo 2021.

En relación á posta en servizo do enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura, o titular do Goberno galego, aseverou que este acceso, que beneficiará directamente aos barrios de Fontiñas, Concheiros e Sar, contribuirá, ademais, a desconxestionar a saída norte da autoestrada, completando a funcionalidade desa gran obra de ampliación da capacidade da circunvalación de Santiago, posta en servizo a comezos de 2018, en presenza do entón presidente Rajoy.

“E estamos a falar, ademais, dunha conexión que, con apenas 1,6 quilómetros e tres glorietas, multiplicará a proxección da Cidade da Cultura como patrimonio dos galegos”, sinalou, lembrando que este complexo, que xa funciona como un potente foco de acción e difusión da cultura galega, está reforzado tamén pola humanización de toda a contorna do Monte Gaiás, desenvolvida pola Xunta a través do Bosque de Galicia; e, especialmente, polas obras que xa están en execución para a construción do Edifico Fontán.

O presidente do Goberno galego concluíu a súa intervención subliñando esta obra como un exemplo máis de colaboración entre administracións e fundamental para a vertebración da Autoestrada do Atlántico e da cidade de Santiago; “e para que a Cidade da Cultura sexa realmente a Cidade da Cultura de Galicia”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2019