Valentín García acompaña a Rosalía Morlán na presentación da obra 'O dragón Antón e o sapo Rosendo'

A escritora presentou hoxe ao serán no CGAC o quinto título que dá ao prelo da man de Edicións Fervenza

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao serán no Centro Galego de Arte Contemporánea a Rosalía Morlán Vieites (Trazo, A Coruña, 1959), gañadora do XXXIII Concurso Internacional de Poesía Hernán Esquío, na presentación da nova obra infantil O dragón Antón e o sapo Rosendo, un álbum de poesía infantil ilustrado por Gabriel Iglesias que, en palabras de García Gómez, “destaca pola súa capacidade imaxinativa e polo seu afán didáctico”.

As aventuras do singular dragón Antón e o xenuíno sapo Rosendo constitúen a cerna desta historia en verso, que vai contando a longa viaxe e as mil peripecias que estes dous personaxes viven desde que deciden partir do seu fogar no compostelán Castelo da Rocha Forte para visitar moi diversas localidades de toda Galicia.

No seu camiño, Antón e Rosendo atoparán humanos e animais dos que se farán amigos, aprenderán saberes que lles eran descoñecidos, axudarán solidaria e ecoloxicamente a outros seres e admirarán a fermosura e variedade das paisaxes e do patrimonio que a nosa terra atesoura.

O dragón Antón e o sapo Rosendo (2019) é o quinto título que dá ao prelo a escritora da man de Edicións Fervenza, logo de publicar A coitada lúa (2010), Estrelas de azucre (2012), O libro do mundo dos soños (2013), Nas rúas de Compostela (2016).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2019