A Consellería de Política Social está a implantar o denominado proxecto Simpatico para facilitar a comunicación con cidadanía e empresas a través da web
Galicia simplifica e mellora a accesibilidade aos servizos en liña da área de maiores e persoas con discapacidade

Funciona como experiencia piloto en servizos como o programa Benestar en Balnearios, as axudas para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e de asistencia persoal e no recoñecemento de grao de discapacidade

Adáptase o texto para usar palabras e frases máis facilmente comprensibles e os formularios de solicitude son máis sinxelos
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2019.- A Consellería de Política Social está a desenvolver un proxecto para mellorar o diálogo entre a cidadanía e a administración a través de páxinas web máis accesibles. A iniciativa denomínase Simpatico (Simplificación da Interacción coas Administracións públicas a través da Tecnoloxía da Información para Cidadáns e Compañía) e a súa implantación entra na súa recta final.

Con este proxecto apóstase por facilitar e democratizar o modo en que as galegas e galegos interactúan coa administración cando se trata de tramitacións en liña, tamén chamados e-services. En concreto, a experiencia de Simpatico céntrase en dous colectivos: as persoas maiores e aquelas con discapacidade intelectual. Trátase de simplificar os procedementos, engadir preguntas e respostas ou ofrecer unha guía in situ ás persoas usuarias do servizo.

Algúns exemplos significativos dos e-services seleccionados como experiencia piloto son o programa de Benestar en Balnearios, para que as persoas maiores poidan solicitar prazas en distintos balnearios galegos, axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e de asistencia persoal e o recoñecemento do grao de discapacidade. En todos estes servizos adáptase o texto para usar palabras e frases máis facilmente comprensibles e ocúltanse campos de formularios cuxo contido xa é coñecido pola administración ou non é preciso encher.

Na implantación de Simpatico estiveron tamén implicadas a Federación de Universitarios Sénior (Fegaus), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal). Estas entidades asistiron a sesións de presentación do proxecto, probárono e propuxeron novas funcionalidades e cambios co obxecto de mellorar a comunicación entre a administración e o usuario de a pé.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2019