Ovidio Rodeiro participa no acto de apertura dos XIII Encontros Arqueolóxicos do Barbanza
Boiro (A Coruña), 16 de febreiro de 2019

O delegado territorial da Xunta de A Coruña, acompañado polo alcalde de Boiro, Juan José Dieste, participou esta mañá, no acto de apertura do XIII Encontros Arqueolóxicos do Barbanza. Na súa intervención destacou a importancia deste evento de gran interese cultural recoñecido a nivel nacional e internacional no que participan prestixiosos expertos desta ciencia e recoñeceu o importante traballo que se está facendo dende o concello de Boiro para consolidar este encontro anual e para potenciar durante todo o ano a posta en valor da riqueza arqueolóxica deste concello e de toda a comarca.

O representante do goberno autonómico apuntou que “non podo facer máis que compartir e aplaudir ao Concello de Boiro e ao seu alcalde, Juan José Dieste, polo seu empeño en darlle un novo pulo, un impulso definitivo ao Centro Arqueolóxico do Barbanza e, deste xeito, permitir o desenvolvendo de diversas actuacións encamiñadas á recuperación dos xacementos, a súa protección e conservación; facilitando o seu estudo por parte dos investigadores; e favorecendo a súa visita, para facer extensivo o seu coñecemento a todos os públicos”.

Ovidio Rodeiro tamén definiu á península do Barbanza como “un tesouro arqueolóxico, con máis de 500 referencias, onde todas as administracións nos debemos comprometer para que o noso pasado sexa coñecido e aproveitado por todos. Por unha banda, polos investigadores, aproveitando as posibilidades destas xornadas e de toda a documentación e coñecemento que atesoura o Centro Arqueolóxico do Barbanza. E, por outra, polos cidadáns, xa que a promoción deste coñecemento nos permite coñecernos mellor como sociedade a través da nosa historia.”
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2019