Os galegos presentaron preto de 300 demandas online nos últimos seis meses de 2018

Desde o pasado mes de agosto pódense iniciar a través da sede xudicial electrónica os procedementos monitorios en todos os partidos xudiciais

Os cidadáns tamén poden consultar situación dos expedientes dos que son parte no espazo “a miña carpeta”, que en 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos

Ademais a sede permite comprobar a autenticidade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia e dar de alta apoderamentos de xeito electrónico

O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2018

Nos últimos cinco meses de 2018 os galegos presentaron a través da sede xudicial electrónica un total de 270 procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.

A presentación telemática de procedementos monitorios comezou a implantarse o pasado ano nos órganos xudiciais de Vigo e A Coruña e, actualmente, xa está habilitada en todos os partidos xudiciais para os procedementos monitorios das xurisdicións civil ou social.

A través da sede xudicial electrónica os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

Na sede tamén se pode comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia, e dar de alta un aproderamento de xeito electrónico rexistrar un apoderamento apud acta. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.

Cómpre lembrar que a sede está accesible tamén a través do portal xustiza.gal, no que están dispoñibles a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados

Plan Senda

A posta en marcha da sede xudicial electrónica foi un dos fitos previstos previstos no Plan Senda 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e os profesionais do eido xudicial.

Cun orzamento de máis 26,6 millóns de euros o Plan Senda 2020 é a estratexia para consolidar a o traballo previo realizado no Plan Senda 2014 e que sentou as bases do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, onde están en marcha todas as pezas que permitirán unha xustiza integramente dixital.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2019