O novo TC intraoperatorio consolida a revolución tecnolóxica no Álvaro Cunqueiro

Os neurocirurxiáns do hospital levan realizadas 11 intervencións moi complexas de columna desde a posta en marcha deste equipamento

Varias operacións realizáronse de forma conxunta entre os servizos de Neurocirurxía e Traumatoloxía

As pantallas conectadas co TC permiten aos neurocirurxiáns dispoñer de imaxes xestuais de última xeración en 3D

“Isto está a cambiar radicalmente a nosa cirurxía de columna vertebral”, afirma o xefe do servizo de Neurocirurxía, Cesáreo Conde

Vigo, 16 de febreiro de 2019

O novo TC intraoperatorio, instalado no bloque cirúrxico do Hospital Álvaro Cunqueiro, ven a consolidar a revolución tecnolóxica que permite a realización de cirurxías de gran complexidade e que necesitan cada vez unha maior precisión. Así o explicou hoxe o xefe de servizo de Neurocirurxía do CHUVI, Cesáreo Conde, no transcurso da visita aberta aos medios de comunicación a este quirófano. Nesta presentación estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial.

O novo equipamento é o máis moderno dos que funcionan nos hospitais españois. Comezou a súa actividade o pasado 18 de decembro, día no que se realizou a primeira intervención.

Desde entón ata hoxe efectuáronse xa 11 operacións, todas elas de columna vertebral. Algunhas delas realizáronse de forma conxunta entre neurocirurxiáns e traumatólogos. A próxima semana comezarán as intervencións de cranio guiadas polo TC intraoperatorio.

“Estas intervencións de columna presentaban gran complexidade, polo que o uso do TC no quirófano é dunha utilidade máxima nestes casos dado que permite coñecer e monitorizar a situación real do paciente, antes, durante e despois da cirurxía” explicou o doutor Conde.

Imaxes xestuais

O sistema tecnolóxico asociado ao TC intraoperatorio permite dispoñer no propio quirófano de imaxes xestuais de última xeración en 3D, o que supón un avance transcendental á hora de comprobar o estado real do paciente en cada momento da intervención.

De feito, o doutor Conde afirma que “esta tecnoloxía está a cambiar radicalmente a cirurxía de columna vertebral que facemos no hospital”.

O novo equipo supón unha gran transformación e un importante avance nos procedementos de imaxe intraoperatorios. Trátase dun sistema que permite estudar un órgano en seccións, diferenciando tecidos, o que implica unha gran vantaxe fronte ás técnicas convencionais de neurocirurxía.

A cirurxía guiada pola imaxe posibilita realizar intervencións menos invasivas, con menor dano aos tecidos, de forma máis segura e precisa, ao tempo que reduce os períodos de recuperación postoperatoria do paciente.

O TC intraoperatorio permite replanificar “in situ” a cirurxía e comprobar o resultado conseguido. Ademais, implica un aforro de estudos previos e de comprobación posteriores á intervención.

Unha aposta pola tecnoloxía máis punteira

O Hospital Álvaro Cunqueiro, desde a súa apertura, supuxo unha aposta do Servizo Galego de Saúde pola implantación da tecnoloxía máis punteira.

A instalación do TC intraoperatorio, como anteriormente do quirófano híbrido, representa un avance sen precedentes na área cirúrxica da área sanitaria de Vigo.

O investimento específico no TC ascendeu a 693.916 euros, financiado ao 80% por fondos europeos. En total, xunto co resto do equipamento a cantidade situouse preto de millón de euros.

O equipamento chegou a Vigo o pasado 23 de novembro. Debido ao seu peso, 2.100 quilos, foi necesario despregar un operativo especial para trasladalo ao seu emprazamento. Utilizouse un guindastre de grandes dimensións, con capacidade para soportar 350 toneladas.

En menos dun mes estivo montada a complexa maquinaria e o quirófano albergou a primeira operación o 18 de decembro, dentro dos prazos comprometidos pola dirección da área sanitario de Vigo, tras a adxudicación do sistema.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 16/02/2019