A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro a partir desta noite na provincia da Coruña

Lémbrase a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a web www.112galicia.org 

 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2019.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que dará comezo a partir desta noite na provincia da Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 12 da madrugada espérase alerta laranxa no litoral noroeste e oeste da provincia da Coruña con mar combinada do oeste ou noroeste, con ondas de 5 a 6 metros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese. 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2019