A Xunta deseña unha alternativa viable para evitar novas subas extraordinarias na AP-9 e impedir que os galegos paguen máis de 1.400 millóns de euros por obras que custaron menos de 230

O Goberno galego considera acreditado que o acordo pechado en 2011 entre o Goberno socialista e a concesionaria para financiar a ampliación da autoestrada supón un gran negocio para a empresa e un grave prexuízo para os cidadáns

As condicións de financiamento, determinadas partidas de compensación á concesionaria e a bonificación do imposto de sociedades, considéranse inxustificadas e desequilibradas a favor da empresa

A Xunta propón revisar á baixa ese acordo e que os Presupostos Xerais do Estado asuman o pago das obras a longo de 5 anos para que queden sen efecto as subas de peaxes previstas do 1% acumulativo anual durante 20 exercicios
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentaron hoxe a proposta deseñada pola Xunta como “alternativa viable” ás novas subas extraordinarias na AP-9 e para impedir que os galegos se vexan abocados a pagar máis de 1.400 millóns de euros por unhas obras que custaron menos de 230 millóns.

Vázquez Mourelle explicou que estas subidas de tarifas extraordinarias teñen a súa orixe na decisión adoptada polo Goberno socialista en 2011 para que o financiamento da ampliación da AP-9 se realizase con cargo a subas acumulativas da peaxe do 1% durante 20 anos. Esas subas extraordinarias, que comezaron a aplicarse en outubro, supuxeron xa que en 4 meses o prezo da AP-9 se incrementase case un 6%, isto é cinco veces máis que o IPC.

O Goberno galego considera inxustificadas e desequilibradas a favor da concesionarias varias cuestións contidas no acordo entre o Estado e a concesionaria pechado no ano 2011, tales como os termos do financiamento, certas partidas de compensación á empresa e mesmo a bonificación do imposto de sociedades. Esas cuestións son as que elevan a factura que deben aboar os cidadáns ata os 1.400 millóns de euros.

A responsable de Infraestruturas subliñou que ese acordo agrava en gran medida o impacto que as peaxes da AP-9 teñen para a sociedade e a economía de Galicia, que se atopa moi desfavorecida no marco do desequilibrio territorial que existe no Estado en relación coas autoestradas e que tende a acentuarse.


A ese respecto, Ethel Vázquez lembrou que só unha parte do territorio de España está vertebrada por autoestradas de peaxe e a maioría elas están en proceso de finalización do período de concesión e, polo tanto, do pago por parte dos usuarios. Ademais, sinalou o caso das autoestradas que foron “rescatadas” polo Estado, nas que se vén de aplicar un desconto do 30% das tarifas, ademais dunha bonificación do 100% en horario nocturno.

Fronte a isto, as peaxes da AP-9 están a subir de forma extraordinaria e por iso o Goberno galego realizou unha proposta de actuación fundamentada nun intenso traballo de estudo e de cálculo.

Esa proposta ten dous eixes, de forma que, por unha banda establece unha revisión á baixa do acordo pechado en 2011 coa concesionaria, eliminando os pagos inxustificados, e que se afronte o custo das obras acometidas a través dos Presupostos Xerais do Estado en lugar de con subas de peaxe.

Así, proponse un pago anual á concesionaria de 53,1 millóns de euros durante 5 anos por parte dos Presupostos Xerais do Estado que, sumado ás dúas subas de peaxe xa acometidas, permitiría evitar novos incrementos extraordinarios.

Doutra banda, a postura da Xunta consiste en aplicar descontos do 25% nas viaxes de ida e volta no día para paliar o impacto das peaxes nas economías familiares, na competitividade e na seguridade viaria. Estímase que o custo anual desa medida roldaría os 12,9 millóns de euros.

Ethel Vázquez destacou que ambas as dúas demandas son asumibles e poderían materializarse mantendo o nivel de investimento previsto en Galicia nos Presupostos do Estado do ano 2018.

A conselleira asegurou que se trata dunha proposta “realista e viable” para que as peaxes da AP-9 sexan máis xustos para os cidadáns e avanza que a Xunta a defenderá no novo escenario político.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2019