A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e o secretario xeral para o Deporte participaron na xornada para as academias de lecer sobre a ferramenta web Xesten
A Xunta desenvolve unha aplicación para facilitar os trámites administrativos relacionados coa formación náutico-pesqueira

Esta ferramenta ponse hoxe en marcha co módulo dedicado a academias de lecer despois de estar en período de probas

Permitirá xestionar a expedición de títulos de recreo e profesionais, a formación dos centros oficiais e das entidades colaboradoras, das academias de recreo, comunicar e xestionar prácticas e realizar trámites de expedición de licencias de navegación

Santiago, 25 de febreiro de 2019

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, acompañada polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na xornada de formación para as academias de lecer sobre a aplicación web de xestión de titulacións e ensinanzas náutico-pesqueiras Xesten. Esta ferramenta, que hoxe se pon en marcha co módulo dedicado a academias de lecer despois de estar en período de probas, consiste nun espazo web para a xestión integral dos procesos administrativos necesarios para a formación e a certificación de habilidades e destrezas e que son xestionados pola Consellería do Mar.

A aplicación, impulsada pola Consellería do Mar coa coordinación da Amtega, permitirá, entre outras funcións, xestionar a expedición de títulos de recreo e profesionais, a formación dos centros oficiais e das entidades colaboradoras e das academias de recreo. A través de Xesten tamén se poderán comunicar e xestionar prácticas e realizar trámites de expedición de licencias de navegación.

Durante a xornada formativa, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou que o que se busca con Xesten é “favorecer a accesibilidade aos servizos públicos as 24 horas, simplificar e axilizar a tramitación coa Administración, mellorar a transparencia e a calidade na xestión dos servizos e aforrar desprazamentos á Administración”, entre outros aspectos. Nesta ferramenta tamén hai información de cada academia relacionada cos profesores, instrutores, embarcacións e simuladores. Ademais Susana Rodríguez engadiu que Xesten “é un proxecto en crecemento ao que se van incorporando pezas como o módulo de academias que se presenta hoxe”.

Susana Rodríguez tamén explicou que dentro de Xesten hai un módulo específico para as academias que hoxe reciben a formación. Delas, sete estiveron utilizando a aplicación en fase piloto. Desde o comezo desta etapa piloto no mes de outubro de 2018, xestionaron a través desta aplicación arredor de 200 prácticas. Este período tamén serviu para a proposta de melloras por parte das academias de lecer, que foron tidas en conta no desenvolvemento desta ferramenta.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, salientou a importancia do sector náutico en Galicia e en España, no que ten moito que ver o desenvolvemento pesqueiro pero tamén o deporte. Neste sentido, falou sobre o turismo náutico deportivo que axudou a que España tivera 82 millóns de turistas en 2017, un 5% deles desprazados por motivos deportivos.

O máximo responsable do Deporte galego asegurou que o traballo da Xunta seguirá sendo “consolidar e promover un espazo como o sector atlántico europeo no que se moven 9.000 millóns de euros, con iniciativas como estas, en un espazo como o sector atlántico europeo”. Ao fío desta idea lembrou como a baixada de impostos de matriculación dos barcos chárter, beneficiou a todos os membros do sector.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 25/02/2019