A consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,45 h. de hoxe

Controlado o lume rexistrado no concello da Mezquita, parroquia de Castromil, que afecta provisionalmente unha superficie de 27,7 hectáreas

Permanece activo o incendio do concello do Carballiño, parroquia homónima, que afecta unhas 50 hectáreas segundo novas estimacións

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2019

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,45 h. de hoxe.

A Mezquita

O incendio rexistrado este mediodía ás 14,50 h. No concello da Mezquita, parroquia de Castromil, quedou controlado ás 19,40 h. da tarde. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 27,7 hectáreas, das cales 3,9 son de monte arborado e o resto de monte raso. Na súa extinción levan traballado 3 axentes, 4 brigadas, 2 motobombas e 2 helicópteros.

O Carballiño

O lume que comezou esta tarde ás 16,01 h. no municipio do Carballiño, parroquia homónima, permanece activo arestora. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é dunhas 50 hectáreas. No lugar levan actuado 3 axentes, 5 brigadas, 3 motobombas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de Twitter @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 26/02/2019