A Amtega e R xa teñen 20 propostas preseleccionadas para o programa Startups R Dico Challenge

O comité avaliador escolleu 20 candidaturas para os cinco retos tecnolóxicos que lanzou a aceleradora especializada en contidos dixitais de R en colaboración coa Amtega

A fase de preaceleración xa está en marcha e rematará o 7 de marzo, día do “Pitch Day”, do que sairán os cinco proxectos definitivos

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase nas actuacións do plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset
 

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

Os membros do comité avaliador do programa startups R DiCo Challenge, integrado por representantes de R, a Amtega e máis a CRTVG, patrocinadora dun dos retos, vén xa escolleron as 20 propostas, vinculadas a algún dos 5 retos tecnolóxicos lanzados en decembro, que pasan á fase de preaceleración do programa.

As 20 candidaturas seleccionadas, das 42 que se presentaron, proceden de startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo dalgún centro tecnolóxico e universitario, e todas elas están arestora inmersas na devandita fase de preaceleración.

Para o reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, foron escollidos dous proxectos: a empresa Sixtema propón unha segunda pantalla intelixente para a visualización de contidos mentres que M. International Audiovisual aposta por unha rede de adquisición de partidos de fútbol base. No reto 2, aplicacións para Android TV, está, por exemplo, un proxecto de Cuicui Studios que propón unha aplicación de xogos brain training; e no reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, Adivina Producciones defende unha plataforma de realidade virtual para espectáculos culturais.

No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, figuran, entre outros, os proxectos de Muutech Monitoring Solutions, apostando por un sistema de monitorización integral para xestores de contidos dixitais; ITG, que propón Big Data para o consumo audiovisual, e Mario Pérez Fernández (Galopiño), con outra idea de visualización Big Data aplicada ao consumo televisivo. Algunhas das propostas do reto aberto son a de Sun Global Network, que concorre cunha multiplataforma de contidos especializados en motor, Imagames Gamification Services, cunha plataforma gamer para a experiencia audiovisual en R; Doc Hub, que propón un servizo de documentais e contidos de divulgación científico-tecnolóxica; Xoia Software Development e a súa proposta sobre contidos televisivos de realidade virtual ou Alexandre Fernández Pita (Vas caer!), que defende un concurso transmedia.
 

“pitching”, aceleración e Demo Day

No actual treito de preaceleración asinouse un contrato de confidencialidade coas empresas ou emprendedores seleccionados, que terán contacto directo cos mentores estes días para intercambiar información e traballar en obradoiros de cara a preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada “Pitch Day” o 7 de marzo. Dela sairán os cinco proxectos definitivos que pasan á fase de aceleración.

Programa de aceleración

Será entón cando comecen as actividades de mentorización, titorización, formación e seguimento durante 4 meses (18 de marzo-19 de xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Quen desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.

Plan Dico Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.

A Amtega e R colaboran no desenvolvemento do programa startups R Dico Challenge, que ten como obxectivo rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, mesmo con R como primeiro cliente. Xunto con este, os obxectivos esenciais son a xeración de emprego, o fomento do emprendemento e o empurre á innovación tecnolóxica a través do apoio a emprendedores e empresas novas ou consolidadas, relacionadas co ámbito dos contidos dixitais, de dentro ou de fóra da comunidade e do Estado, se é o caso.

 

 

Data de actualización: 01/03/2019