A Xunta inicia a negociación cos sindicatos para regular o acceso á carreira profesional no réxime extraordinario

A Consellería de Facenda vén de trasladar ás organizacións sindicais o proxecto de orde sobre o procedemento para o acceso a este réxime

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2019

A Xunta de Galicia vén de iniciar a negociación coas organizacións sindicais para regular o acceso ao réxime extraordinario da carreira profesional no eido da Administración Xeral. Á carreira profesional poderán acceder o persoal funcionario de carreira e tamén o persoal laboral fixo que se comprometa á converterse en persoal funcionario a través do correspondente proceso de funcionarización.

A Administración autónomica trasladou hoxe o proxecto de orde sobre o procedemento para o acceso a este réxime, ao que poderán acceder aqueles empregados públicos que acrediten polo menos cinco anos de antigüidade no corpo ou escala ao que pertenzan, sempre que cumpran algún dos criterios de avaliación establecidos na propia orde. Deste xeito, a Xunta fará o encadramento previsto no Acordo de Concertación Social –asinado cos sindicatos UGT e CC.OO.- con efectos económicos de 1 de xaneiro de 2019.

O proxecto de orde establece que a Xunta remitirá ao persoal funcionario de carreira a través do Portax un enlace para consultar os datos que figuran no seu expediente no Rexistro Central de Persoal, indicándolle se cumpre ou non algún dos criterios xerais de avaliación, aos efectos de acadar o complemento de grao I da carreira profesional.

No caso de cumprir algún dos criterios de avaliación, o empregado público poderá solicitar xa automaticamente o recoñecemento do grao I. Non caso de non cumprir ningún dos criterios de avaliación, a persoa interesada terá a posibilidade de formalizar un impreso de emenda que atopará no Portax.
 

Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 05/03/2019