Unha vintena de iniciativas compitien para acceder á aceleradora de contidos dixitais startups R DiCo Challenge

O programa enmárcase nas actuacións do Plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset da Amtega

Esta mañá celebrouse na sede da Axencia o “Pitch Day”, evento no que os vinte preseleccionados defenderon as súas propostas para algún dos cinco retos lanzados en decembro

Nos vindeiros días daranse a coñecer os 5 fianlistas que completarán o programa de aceleración cun espazo propio na Cidade da Cultura

Entre as candidaturas hai startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo algún centro tecnolóxico e universitario

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase nas actuacións do plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2019

As 20 iniciativas preseleccionadas para o acceder ao programa da aceleradora startups R DiCo Challenge defenderon esta mañá as súas candidaturas no denominado “Pitch Day”, unha xornada na que expuxeron a utilidade e viabilidade das súas propostas para algún dos cinco retos lanzados polo programa. A apertura do encontro, celebrado na Cidade da Cultura, correu a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director de Innovación e Desenvolvemento de Produto de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez Gil e o director de Innovación da CRTVG, Xosé Pereira.

Mar Pereira, lembrou que “startups R Dico Challenge se enmarca no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración Autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”.

Pola súa banda, o director de Innovación de R e do Grupo Euskaltel, salientou que “é unha satisfacción chegar a este punto de desenvolvemento do programa e poder concretar, dentro de pouco, que cinco ideas, das 20 que hoxe participan na xornada de ”pitching”, pasan definitivamente á fase de aceleración. Hai moito potencial e variedade de proxectos polo que auguramos que a decisión do comité non será doada”.

Xosé Pereira, director de innovación da CRTVG, que promove un dos retos, incidiu en que “a CRTVG debe apostar pola innovación e participar activamente na transformación dixital do sector audiovisual galego. Acordos coma este van nesta boa dirección e esperemos que haxa moitos máis”.

Ao longo da mañá, e divididos en dúas quendas, os vinte participantes foron expoñendo as súas propostas nun máximo de 5 minutos, tempo de que dispuxeron para explicar, defender e convencer das vantaxes da aplicación da súa idea e do modelo de negocio que teñen previsto para desenvolvela.


Cinco finalistas

Nos vindeiros días coñeceranse os 5 emprendedores e/ou empresas escollidos para pasar á fase de aceleración do programa de startups R DiCo Challenge durante catro meses (marzo-xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.

Ademais, R converterase nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Os que desenvolvan o reto lanzado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas. A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais deste verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados.

Plan Dico Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/03/2019