A Amtega achega ao I Foro Técnico da Civil UAVS Iniciative os retos técnicos do proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

Representantes de empresas, centros tecnolóxicos e de investigación participaron no I Foro Técnico da Civil UAVs Iniciative para compartir os avances conseguidos e intercambiar coñecemento sobre cuestións técnicas relevantes

Adxudicatarias do proxecto CPTi Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas liderado pola Amtega compartiron cos asistentes os retos da automatización dos controis en campo asociados ás axudas da PAC mediante o uso de medios tecnolóxicos, e en particular, mediante o uso de UAVs

Captura de datos xeográfica, territorial e agraria a través da integración de distintas tecnoloxías e recoñecemento de patróns e aprendizaxe de máquinas, entreos principais retos técnicos a abordar pola solución
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2019

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) como organismo impulsor do proxecto Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas, en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), participou no I Foro Técnico da Civil UAVs Iniciative para expor o seu proxecto e contribuír ao intercambio de coñecemento sobre cuestións técnicas relevantes.

Representantes dos adxudicatarios do proxecto CPTi Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, impartiron dentro do programa unha sesión para compartir cos asistentes os retos da automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante o uso de medios tecnolóxicos, e en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados (UAVs) e outros sistemas tecnolóxicos.

O I Foro Técnico da Civil UAVs Iniciative, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e celebrado os días 6 e 7 de marzo no Aeródromo de Rozas (Castro de Rei) e a Escola Politécnica Superior da USC (Campus de Lugo), constituíuse como un punto de encontro científico e técnico de toda a comunidade involucrada no Polo aeroespacial de Galicia.

Retos técnicos: CPTi Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

Representantes de Seresco, Insitu e Gradiant, adxudicatarios do proxecto contratado pola Amtega mediante Compra Pública de Tecnoloxía innovadora, expuxeron as vantaxes e sistemas que integran o proxecto, identificando así mesmo os retos técnicos aos que deberá dar resposta a solución na que están traballando.

En primeiro lugar, a solución inclúe a integración de distintas tecnoloxías para a captura de información xeográfica, territorial, e agraria relativa aos cultivos e ás parcelas e ao seu estado. Neste ámbito, o uso de UAVs para a captura de imaxes de alta e moi alta resolución é fundamental para permitir a identificación de múltiples elementos sobre o terreo que permitan dar resposta aos distintos controis relativos ás axudas da PAC. En particular, permite a captura de fotogramas e ortoimaxes en espectro visible e multiespectrais, vídeos, imaxes 360º e imaxes oblicuas que ofrecen maior nivel de concreción respecto ás imaxes satelitais para solventar determinadas limitacións, como é o caso das zonas de sombra.

En segundo lugar, a solución emprega técnicas e modelos de análise e procesado da información capturada para a obtención de información útil para a toma de decisións nos procesos de inspección. Para iso, as adxudicatarias están traballando o entrenamento de algoritmos de análise de imaxes baseados en técnicas de intelixencia artificial, recoñecemento de patróns e aprendizaxe de máquinas que permitan identificar de xeito automático parámetros de interese para os controis asociados ás axudas da PAC: usos do solo, tipos de cultivos, tipos de actividade, etc.

Finalmente, un sistema experto permitirá executar de xeito automatizado a inspección, comparando o declarado na solicitude de axuda coa información recollida en campo e integrando a información resultante en sistemas de xestión. Neste senso, tamén potenciarase a figura do agricultor activo proveéndolle de aplicacións móbiles de fácil manexo que lle permitan achegar, de forma rápida e sinxela, información de valor para o proceso de inspección que se traducirá nunha maior axilidade na realización destes controis.

Compra pública de tecnoloxía innovadora

Esta iniciativa é resultado do uso estratéxico de utilización da contratación pública, mediante o procedemento de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) para fomentar por unha banda, a innovación no sector empresarial e por outra, a adopción de solucións que permitan mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos públicos vinculados ao sector primario.

Dado o carácter innovador da solución proposta, o proxecto inclúe o desenvolvemento e unha fase de demostración para avaliar a súa viabilidade de uso sobre un subconxunto de 3.000 parcelas das controladas nunha campaña da PAC no territorio galego.

Desenvolverase no horizonte 2019 e conta cun orzamento total de preto de 3,3 millóns de euros, cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Crecemento Intelixente 2014 – 2020 (POCInt) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative".

 

Data de actualización: 08/03/2019