A Xunta abre o prazo de solicitudes das axudas para impulsar a innovación na segunda transformación da madeira e contract

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), vén de publicar no DOG a convocatoria, á que as empresas se poderán presentar ata o 1 de abril

Cun orzamento de dous millóns de euros, prevense apoios dun 50% dos investimentos e ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario para a adquisición de maquinaria e tecnoloxía e a implantación de procesos de calidade

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria do programa de axudas para impulsar a xeración de valor nos procesos industriais forestais e destinado ás pemes e micropemes que realicen segunda transformación, carpinterías, moblerías e empresas do sector contract que utilicen como materia prima a madeira. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de abril.

Dotado con dous millóns de euros, con este programa prevese apoiar en torno a 40 proxectos e mobilizar máis de seis millóns de euros. As axudas alcanzarán un 50% dos investimentos e ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os proxectos terán por obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou implantar procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

A través desta convocatoria, apóiase a adquisición de maquinaria para segunda transformación, a implantación de procesos de calidade como cadea de custodia, de madeira certificada, e plans de melloras da xestión e dos procesos produtivos (xestión Lean ou similar), así como investimentos en tecnoloxías e en obra civil relacionada cos investimentos anteriores.

Este programa súmase ao xa previsto para as pemes e micropemes dedicadas á explotación forestal, xestión da biomasa forestal e primeira transformación da madeira, dotado con 8,6 millóns de euros para mellorar a súa competitividade, incentivar o seu crecemento e fomentar o uso de novas tecnoloxías nos procesos de produción.

Mediante esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 13 de marzo e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEADER), apoiaranse melloras no aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais. Así, impulsarase a posta en marcha de plans de xestión e a implantación das certificacións forestais e de cadea de custodia; maquinaria nova de explotación forestal, de xestión da biomasa forestal, e de primeira transformación da madeira; entre outros. As axudas suporán o 40% dos investimentos realizados ata un máximo de 150.000 euros por beneficiario.

En ambas convocatorias dáse puntuación adicional nos supostos de mulleres xerentes, e cando as iniciativas supoñen a creación de emprego fixo para mulleres e persoas en riscos de exclusión social, primando tamén a estabilidade laboral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/03/2019