A conselleira de Política Social visitou hoxe a residencia de maiores e o centro de atención a persoas con discapacidade do municipio pontevedrés
Fabiola García salienta a experiencia e sabedoría de cinco mulleres centenarias do concello de Crecente na súa homenaxe

Garantiu o compromiso da Xunta para que as galegas e galegos poidan facerse maiores onde libremente desexen

En Crecente ofértanse 79 prazas públicas: 19 na residencia e 60 no recurso de atención á discapacidade

Crecente (Pontevedra), 11 de marzo de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá en Crecente no recoñecemento a cinco mulleres centenarias que son usuarias da residencia da terceira idade deste municipio pontevedrés e das que destacou a súa experiencia e sabedoría. Tres das homenaxeadas (Saladina Díaz, Mª Jesusa Mercedes Álvarez e María Gómez) cumpriron 100 anos en 2019, mentres que as outras dúas, Alejandrina Rodríguez e Josefa Andreu, teñen 101 e 105 anos, respectivamente.

No acto Fabiola García destacou a lonxeva vida destas mulleres, indicou que son testemuña do que fomos e que axudaron a construír a Galicia que hoxe temos, máis acolledora para os nosos maiores. Despois da homenaxe visitou a residencia de maiores, que depende do Concello, e o centro asistencial para persoas con discapacidade, de iniciativa social. A través destes dous servizos, o Goberno galego oferta ás familias da zona 79 prazas públicas: 19 no centro de maiores, no que tamén financia as obras de ampliación cunha achega de 140.000 euros, e outras 60 no de atención á discapacidade, ás que se destinan cada ano 1,2 millóns de euros.

Deste xeito, tamén en Crecente, ponse de manifesto a aposta da Xunta para que cada persoa poida facerse maior onde libremente desexe, na súa casa, na súa parroquia ou nun centro especializado como os que hoxe visitou a conselleira na localidade pontevedresa.

A conselleira ratificou o compromiso do Goberno galego de continuar a avanzar na mellora dos servizos públicos de atención ao maiores e ás persoas con discapacidade. Para iso avogou por levar os recursos á porta da casa, a través de programas como o Servizo de Axuda no Fogar ou o Xantar na Casa; coa creación de novas prazas públicas en residencias e centros de día e tamén coa achega de novos servizos ás parroquias e concellos pequenos mediante as Casas do Maior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2019