A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa en todo o litoral galego

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas

O CIAE 112 Galicia recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.112galicia.org
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa en todo o litoral galego a partir de mañá.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o nivel laranxa comenzará ao redor do mediodía nos litorais oeste e noroeste de Coruña e Lugo, e estenderase ao resto da Coruña e Pontevedra durante as primeiras horas da tarde. Espérase mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros.

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotores, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/03/2019