José González participou no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural
A Xunta pon como exemplo de prevención de incendios o convenio subscrito coa Fegamp para a xestión da biomasa nas faixas secundarias

O conselleiro do Medio Rural achegou a experiencia de Galicia en materia de incendios forestais e deu conta deste convenio pioneiro

Outros temas tratados foron o uso de antibióticos na cabana gandeira, a situación do xabaril en España e o control da calidade alimentaria

Madrid, 12 de marzo de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe en Madrid nas xuntanzas do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural. Alí abordáronse distintas cuestións relacionadas coa prevención de incendios forestais, onde o conselleiro destacou a importancia do convenio subscrito entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para unha correcta xestión da biomasa nas faixas secundarias, e puxo esta iniciativa como exemplo a nivel nacional.

Así, José González reiterou que o seu departamento asinou un convenio pioneiro para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas próximas aos núcleos de poboación, incidindo así na prevención e no traballo conxunto entre administracións para conseguir reducir o número de incendios forestais e, sobre todo, evitar o risco para a sociedade. Neste senso, o titular de Medio Rural explicou no seno da Conferencia Sectorial que, a día de hoxe, están adheridos un total de 177 municipios galegos, á espera de que se poidan sumar máis. José González explicou que nestes intres estase a desenvolver o convenio e, ao longo dos vindeiros meses, comezarase coa limpeza das faixas de seguridade naquelas parroquias de alta actividade incendiaria.

Tamén se abordaron outras cuestións relacionadas coa prevención dos incendios forestais, avanzando no proceso de elaboración dos plans municipais de prevención e extinción de incendios e na colaboración entre o ministerio, as comunidades autónomas e as diferentes entidades locais.

Outro tema tratado no encontro foi o impulso ao plan nacional fronte a resistencia aos antibióticos, que aborda todo o relacionado coa vixilancia, control, prevención e investigación, a través dunha estratexia común sobre esta materia. Ademais, avanzouse no programa de control da calidade alimentaria, que persegue mellorar a súa eficacia e eficiencia, así como homoxeneizar e uniformar esta cuestión, tendo en conta as especificidades de cada comunidade autónoma, entre elas as de Galicia.

Por último, tamén se analizou a situación actual do xabaril e a súa afectación nas distintas comunidades. Neste senso, o ministerio presentou unha estratexia de xestión destas poboacións en España para que sexa estudada por cada comunidade e que estas poidan aportar as consideracións oportunas. Sobre isto, o conselleiro trasladou a preocupación do Goberno galego polos diferentes efectos prexudiciais que ten o xabaril para os agricultores e gandeiros galegos, tanto no que se refire aos cultivos como a unha posible propagación de enfermidades como a peste porcina africana, ademais dos accidentes de circulación.

Neste sentido, José González tamén informou das medidas adoptadas en Galicia pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para controlar esa sobrepoboación de xabaril en Galicia, destacando a autorización de batidas fóra dos períodos hábiles establecidos como medida de control polos danos atribuíbles á poboación de xabaril ou a normativa que se está a tramitar desde distintos departamentos da Xunta para facilitar a comercialización da carne desta especie cinexética.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/03/2019