Patrimonio Cultural autoriza ao Concello de Vigo a mellora da paisaxe urbano-forestal do Monte da Guía en Teis

A Dirección Xeral prohibe a plantación das árbores previstas na área de protección integral e limita a especies autóctonas a intervención nas zonas permitidas

Recorda que non se realizarán movementos de terra, agás previa autorización do departamento autonómico, e que deben respectarse os afloramentos rochosos

Vigo, 12 de marzo de 2019

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, vén de autorizar ao Concello de Vigo a mellora da paisaxe urbano-forestal do Monte da Guía en Teis. Autoriza así a corta de árbores, aínda que prohibe a plantación das especies previstas na área de protección integral do castro.

Trátase dunha actuación na contorna do Castro do Monte da Guía e da Ermida da Nosa Señora das Neves, bens catalogados no planeamento municipal e, en consecuencia, forman parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Na resolución, os técnicos do departamento autonómico conclúen informar favorablemente a corta de eucaliptos, acacias (negras e mimosas) e piñeiros, así como as outras coníferas que ocupan as tres áreas definidas no proxecto (zona do parque, zona forestal e zona da carballeira).

Unha intervención que, non obstante, a Dirección Xeral condiciona a certos requisitos. Entre eles, recorda que non se realizarán movementos de terra, agás previa autorización, e que deben respectarse os afloramentos rochosos, tanto nos procesos de corta coma no de amoreamento dos restos deses traballos, evitando a súa alteración ou cubrición.

Asemade, advirte que na área de protección integral non se poderán arrincar os tocos ou cañotos das árbores sen realizar previamente un control arqueolóxico.

Por outra banda, informa desfavorablemente a plantación das árbores previstas na área de protección integral do castro.

Nas áreas permitidas (zona forestal e fóra da protección integral) só se permitirán plantacións de especies autóctonas de porte baixo, evitando especies exóticas utilizadas no axardinamento urbano, debendo realizar un control arqueolóxico dos movementos de terra, polo que, antes do inicio dos traballos, terase que presentar o proxecto correspondente para a súa autorización.

Desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e así recóllese na resolución, esta autorización non exime das autorizacións sectoriais oportunas en cumprimento da normativa urbanística vixente.

Data de actualización: 12/03/2019