A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño orienta a alumnos de Química sobre as saídas laborais dos seus estudos
Santiago, 13 de marzo de 2019

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, explicou hoxe aos alumnos da Facultade de Química da Universidade de Santiago (USC) as múltiples saídas profesionais coas que se poden atopar unha vez que rematen os seus estudos. A responsable do organismo dependente da Consellería do Mar participou na Mesa redonda sobre as saídas profesionais da Química, na que salientou a importancia do centro que dirixe como un referente tanto en España como a nivel internacional.

Covadonga Salgado detallou que unha parte importante do cadro de persoal do Intecmar está formado por químicos e incidiu en que ademais da Consellería do Mar hai outras, como a de Sanidade, a de Medio Rural, a de Economía, Emprego e Industria ou a de Medio Ambiente, que tamén contan con laboratorios que precisan químicos para desenvolver o seu labor. Neste sentido, a directora do Intecmar fixo un repaso das novas posibilidades de acceso á función pública e sobre o que significa traballar na Administración. A súa exposición durante o debate serviu para complementar as aportacións feitas polos outros participantes, pertencentes aos ámbitos empresarial e académico.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/03/2019