O servizo de atención primaria de Vimianzo, Camariñas e Zas conta con tres pediatras, un en cada concello

Así o afirmou o conselleiro que lembrou que os cativos de Zas poden acudir ao seu centro de saúde e ao consultorio de Baio de luns a venres, e fóra de horario teñen asistencia dun médico de familia que conta cun servizo pediátrico de referencia en Vimianzo

O concello de Zas ten na actualidade 318 nenos en idade pediátrica, un 47% menos que no ano 2000

A media de consultas diarias de pediatría en 2018 foi de oito en Zas e de 11 en Baio

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o servizo pediátrico de Vimianzo, Camariñas e Zas conta con tres pediatras, un en cada concello. Segundo explicou Almuiña, cada servizo de atención primaria está conformado por unha ou varias unidades (centros de saúde e consultorio periféricos).

Almuiña quixo destacar que todas as prazas de pediatría están consolidadas e que hai intención de cubrilas. O conselleiro destacou que Sanidade continúa a buscar solucións a falta de facultativos en primaria con OPES, cunha oferta pública de emprego 2019 de 200 prazas de médico de familia e 35 de pediatras de atención primaria e que acumulada á do 2018 permitirá unha oferta especial de 254 prazas de médico de familia e 93 de pediatría de atención primaria.

Como norma xeral, as ausencias de pediatría son organizadas no conxunto do servizo de atención primaria e non se autoriza máis dunha ausencia programada de pediatría no servizo, dixo o conselleiro. “Salvo que poidamos contar con pediatras substitutos, a atención pediatría do profesional ausente é acumulada ao resto de pediatras do servizo”.

Almuiña referiuse en concreto ao Concello de Zas, que ten na actualidade 318 nenos en idade pediátrica (cunha diminución do 47% respecto aos 600 do ano 2000), onde se estudou a oferta asistencial e a demanda (a media de consultas diarias de pediatría en 2018 foi de 8 en Zas e 11 en Baio) para reordenar a atención pediátrica. Tamén dixo o conselleiro que houbo que ter en conta “os especialistas en pediatría cos que contamos, e a dificultade para ser contratados, dificultade que se incrementa máis, se cabe, para a contratación nas zonas rurais e que atenden varias localidades”.

Por outra parte, o titular de Sanidade remarcou que a poboación infantil do concello de Zas pode acudir, indistintamente, á consulta pediátrica ao centro de saúde ou ao consultorio dispoñendo, polo tanto, de pediatra todos os días da semana. A atención á demanda espontánea ou de urxencia que poida xurdir fóra deste horario, é prestada polo médico de familia, que conta cun servizo pediátrico de referencia en Vimianzo para o caso de que xurdan dúbidas ou dificultades para resolver o problema que se presente.

Tamén lembrou o conselleiro outras medidas como as reiteradas peticións ao Ministerio, aínda sen resposta, para poder facer unha ampliación de prazas MIR para a próxima convocatoria; o novo contrato de continuidade; ou a concentración en período vacacional en consonancia coas sociedades de pediatría e familia.

Galicia, dixo Almuiña, é unha das comunidades con maior taxa de cobertura pediátrica xa que preto do 90% das prazas de pediatría en atención primaria están cubertas por especialistas. Noutras comunidades como Baleares, é do 50%, e os nenos son atendidos polo facultativo de familia. En Castela-A Mancha está no 58% e en Madrid, Estremadura, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía e Canarias ronda o 70%.

En canto ás ratios, segundo o último informe do Ministerio de 2017, en Galicia hai 941 nenos por pediatra, cando a media do Sistema Nacional de Saúde é de 1.018. Comunidades como Madrid teñen 1.162, Estremadura 1.043 ou Castela-A Mancha que ten 1.057 nenos por pediatra.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 13/03/2019