O DOG publica o cambio de titularidade a prol do Concello de Barreiros da titularidade dun tramo de estrada provincial

A transferencia deste treito tramítase conforme coa Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Coa transferencia, o concello asume as competencias na conservación do tramo e poderá actuar de modo acorde coas súas características

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a prol do Concello de Barreiros dun tramo do vial provincial de San Cosme de Barreiros á estrada de Vilamar a Reme.

Trátase dun treito da estrada LU-P-0608 de San Cosme de Barreiros, cruce coa N-634, por Insua ata Cruce Insua, na estrada LU-133, ao seu paso polo termo municipal deste concello lucense.

O Concello de Barreiros solicitou á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade do citado tramo de vía, entre o p. q. 0+000, que coincide coa intersección da N-634, e o p.q. 0+860, intersección coa estrada LU-P-6103. Este treito ten un carácter urbano e conta cun itinerario alternativo segundo informa o organismo provincial.

O organismo provincial de Lugo considerou axeitado o cambio de titularidade a prol do Concello de Barreiros, polo que emite informe favorable para a transferencia deste treito e solicita o cambio de titularidade destas estradas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A transferencia a prol do concello lucense de Barreiros deste treito provincial tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello de Barreiros asume as competencias para actuar en ambas as vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Data de actualización: 14/03/2019