A Xunta publica o inicio das expropiacións para a execución dunha senda na estrada AC-116, entre Cruceiro e Lago, nos concellos de Narón e Valdoviño

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada, en Valdoviño

Tamén reformará a intersección existente no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución dun itinerario peonil e ciclista na estrada AC-116, entre Cruceiro e Lago, ao seu paso polos concellos de Narón e Valdoviño.

O Decreto de Utilidade Pública comprende as expropiacións das fincas necesarias para a execución dun itinerario peonil seguro e accesible nesta estrada, entre o p.q. 6+500 e o 10+400. No seguinte enlace ao DOG, pódese ampliar a información: https://bit.ly/2TMzcHu

A actuación ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116, no municipio de Valdoviño.

Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 3,2 km, permitindo completar un itinerario peonil continuo entre as travesías de Cruceiro, no Concello de Narón, e Lago, situado no de Valdoviño.

Desde este punto, a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ademais reformarase a intersección existente no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no p.q. 12+360. A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.

Data de actualización: 14/03/2019