Conde destaca o poder do diálogo para mellorar o mercado laboral e apela ao debate construtivo para chegar a acordos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Teo nas xornadas de acción sindical e negociación colectiva para 2019 organizadas por UGT-Fica Galicia

Sinala que o diálogo e a negociación colectiva son os mellores instrumentos para abordar os retos de futuro como son o emprego que vén, a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a estabilidade laboral, a inclusión, a flexibilidade e a conciliación

Indica que o desenvolvemento tecnolóxico, o cambio climático, os movementos demográficos e a globalización están a transformar o escenario laboral

Avoga pola implicación de todos os axentes económicos e sociais para construír un futuro de traballo xusto e equitativo e centrado nas persoas

Teo (A Coruña), 14 de marzo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Teo o poder do diálogo para mellorar o mercado laboral apelando ao debate construtivo para chegar a acordos e abordar os retos do emprego que vén. Na súa intervención nas xornadas de acción sindical e negociación colectiva para 2019 Recuperando dereitos desde a negociación colectiva, sinalou que o diálogo e a negociación colectiva son os mellores instrumentos para abordar a nova realidade do mercado de traballo que ten como retos o emprego do futuro da man da dixitalización, a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a estabilidade laboral, a inclusión, a flexibilidade e a conciliación.

Conde destacou que un informe recente da Comisión Mundial sobre o Futuro do Traballo da Organización Internacional de Traballo (OIT) apunta que o desenvolvemento tecnolóxico, o cambio climático, os movementos demográficos e a globalización están a transformar o escenario laboral polo que avogou pola necesidade de que todos os axentes económicos e sociais asuman a súa responsabilidade á hora de construír un futuro de traballo xusto e equitativo e centrado nas persoas co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos traballadores, pechar a fenda de xénero e poder ofrecerlles un aprendizaxe ao longo de toda a vida laboral. “A Administración e os axentes sociais e económicos temos que ir da man nun momento no que se abren tantas expectativas”, engadiu.

O titular de Economía lembrou que o diálogo, a negociación e o acordo permitiron en Galicia unha estabilidade institucional e un crecemento económico, tres claves que, segundo remarcou, deben continuar para dar resposta aos novos modelos de traballo, as políticas de emprego e as relacións laborais. Neste senso, insistiu na colaboración cos interlocutores sociais para poder coñecer os aspectos que se poden mellorar e para poñer sobre a mesa propostas para seguir avanzando no camiño do emprego de calidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2019