A Xunta desenvolve nas Pontes un programa integrado para a inserción laboral de 100 mulleres sen emprego

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe ás alumnas desta iniciativa que se realiza en colaboración co Concello

As participantes están recibindo cualificación para desempeñar labores administrativos e formación con prácticas en empresas en técnicas de venda e en cociña e manipulador de alimentos

Trátase dun programa adaptado á demanda das empresas da contorna

Toca puxo en valor a importancia da cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para incrementar as oportunidades laborais dos desempregados

As Pontes (A Coruña), 14 de marzo de 2019

Un cento de mulleres desempregadas das Pontes de García Rodríguez, A Capela, As Somozas, Moeche, Ortigueira, Cariño, Cerdido, Mañón, Xermade, Muras, Ourol, San Sadurniño e Monfero están a formarse no programa integrado Pontes de Emprego II. Trátase dun dos programas autonómicos específico para mulleres que desenvolve o Concello co apoio da Xunta, tal e como destacou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, na visita que realizou hoxe nas Pontes a esta iniciativa.

As mulleres, na súa gran maioría desempregadas con capacidades diferentes, en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero e menores de 30 anos con baixa cualificación, están recibindo cualificación especializada en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais con opción a obter un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. Así mesmo, a través desta iniciativa da Xunta estase a impartir formación con prácticas en empresas en técnicas de venda e en cociña e manipulador de alimentos. Outras accións formativas que inclúe Pontes de Emprego II son as centradas no manexo de montacargas e pala cargadora, en autoemprego, español para estranxeiros, silvicultura e xardinaría e carné de conducir C+E+Cap.

O Programa Integrado de Emprego tamén ofrece accións encamiñadas a avanzar no desenvolvemento persoal, social e laboral do alumnado e sesións de orientación laboral.

O compromiso adquirido de inserción laboral para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna e que rematará en outubro deste ano, é dun 35%.

Toca destacou a importancia da formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e sinalou que obxectivo destes programas é incrementar as oportunidades laborais dos participantes. “É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor os plans que combinen formación e prácticas para dar resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Para rematar, a secretaria xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, salientou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2019